A pasada semana constituíuse no Concello de Tui a Mesa do Camiño de Santiago, un órgano que ten por obxectivo a cooperación entre os axentes públicos e privados implicados na xestión do Camiño de Santiago no municipio. Forman parte da mesa o alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, xunto a dous representantes do sector da hostalería, dous do sector da restauración, e dous representantes doutros servizos aos peregrinos. Á próxima xuntanza serán convidadas tamén outras administracións coma a Xunta ou a Deputación.
Para a constitución da Mesa celebrouse unha reunión á que asistiron máis de 40 representantes de distintos ámbitos vinculados ao Camiño coma a hostalería, restauración e outras actividades, entre os que se elixiu a dous representantes por cada sector para formar parte da mesa. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que a Mesa Local do Camiño de Santiago pretende ser un órgano permanente de contacto entre a administración e os axentes económicos implicados no Camiño diante do reto que supón o Xacobeo 2021. Aludiu ao crecemento do Camiño Portugués de Santiago, con máis de 71 mil peregrinos no que levamos de ano, o que están tendo a súa repercusión na economía local coa creación de empresas vinculadas á prestación de servizos aos peregrinos. Nese senso Enrique Cabaleiro fixo fincapé na importancia de prestar un bo servizo e con calidade.
O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, deu conta das distintas actuacións realizadas dende o Concello en relación coa vía xacobea no municipio coma o mantemento do tramo do camiño, a sinalización dun percorrido alternativo en Ribadelouro cando as chegas do río Louro impiden o paso pola Ponte das Febres, a información que se presta aos camiñantes na Oficina de Turismo, … Ao tempo explicou as distintas convocatorias de subvención abertas nestes momentos vinculadas ao Camiño de Santiago.
Na parte final da reunión os asistentes expuxeron os que consideran son os principais problemas que neste momento afectan ao Camiño Portugués ao seu paso por Tui e á boa atención aos peregrinos. Sinalaron así as escasas liñas de transporte público con outras cidades, sobre todo na fin de semana, a necesidade de unificar sinalización, ou unha maior promoción da catedral coma elemento diferenciador do Camiño Portugués.
Sem comentários:
Enviar um comentário