SERÁ COA ESCOLA DE DANZA PAULA COBIÁN E O CORO MISTURA VOCAL O SÁBADO 21 E DOMINGO 22 NO TEATRO MUNICIPAL.
Posiblemente se trate da primeira vez a nivel mundial que “O Conto de Nadal” de Charles Dickens se leva escena contando só con música vocal
Tui presenta este Nadal un espectáculo innovador e único cun concerto danzado da Escola de Danza Paula Cobián e o Coro Mistura Vocal, no que tamén intervirá o coro ImaGine VoiZes de Aldeas Infantiles. Posiblemente se trate da primeira vez a nivel mundial que “O Conto de Nadal” de Charles Dickens se leva escena con estas características, contando só con música vocal. Máis de 70 persoas, con idades entre os 9 e os 50 anos, estarán sobre o escenario cunha coidada posta en escena e unha escenografía realizada por Juantxo García e Eva García que brindará a ambientación perfecta para un espectáculo ambicioso e singular.
Esta tarde tivo lugar a presentación na casa do concello a cargo de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino e Cultura, Paula Cobián, directora da Escola de Danza Paula Cobián, e Aloia Martínez, directora do Coro Mistura Vocal.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, afirmou que no deseño da programación de Nadal tiñan claro que había que apostar pola posta en valor dos recursos locais, non só o patrimonio ou a historia, senón tamén polas agrupacións e profesionais da cidade, coma xa tiñan feito en 2015 coa creación da Orquestra Sinfónica de Tui. A liña de traballo a seguir, dicía o rexedor, é levar a cabo unha “programación diferente que vai singularizar e distinguir á cidade”. Enrique Cabaleiro amosou o seu orgullo pola programación de Nadal que se está a desenvolver e por este evento, o que dicía contribúe a que “o Nadal en Tui empece a ser diferente, singular e moi entrañable”.
A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, explicou coma dende o Concello apostaron por este proxecto “impresionante e técnicamente complicado”, amosando o seu convencemento en que será un éxito.
Tanto Paula Cobián coma Aloia Martínez, agradeceron a confianza do Concello para facer realidade un soño que levaba tempo nas súas cabezas e que agora levan a cabo grazas a ese apoio, ao traballo e a ilusión de todas e cada unha das persoas implicadas no mesmo.
Aloia Martinez, explicou coma tanto as persoas de Mistura Vocal coma as bailarinas da Escola de Danza de Paula Cobián se tiveron que empapar da disciplina da outra formación o que se ten traducido nunha gran aprendizaxe para todos eles.
Paula Cobián, recoñeceu que o traballo que levan desenvolvido nos dous últimos meses ten sido difícil, porque traballaron contra reloxo, pero tamén porque se trata de dúas agrupacións que realizaban un traballo diferente pero que conectaron dende primeiro ensaio
“CONTO DE NADAL”
O espectáculo multidisciplinar “Conto de Nadal” de Charles Dickens chegará ao Teatro Municipal con dobre función o sábado, 21 de decembro, ás 21h, e o domingo 22 de decembro, ás 19 h.
Dividido en cinco actos o conto comezará cunha escenografía victoriana que xa ao remate do primeiro acto cambiará a unha ambientación contemporánea. As pezas que interpretará o Coro Mistura Vocal van dende o Renacemento, ao pop, ou composicións contemporáneas harmonicamente complexas. As 17 bailarinas da Escola de Danza Paula Cobián representarán, con danza contemporánea, as distintas escenas, xunto aos membros do coro que tamén formarán parte da interpretación. Alfredo Rodríguez dará vida a Scrooge coma actor protagonista.
A duración prevista do espectáculo é de 80 minutos. As entradas estarán é venda en www.culturatui.info dende o luns, 16 de decembro, até o día da función ás 12 h. Tamén se poderán adquirir no despacho de billetes o día do espectáculo dende hora e media antes do comezo. O prezo xeral da entrada é de 7€, mentres que a entrada infantil para menores de 12 anos e para aquelas persoas que se poidan beneficiar dos descontos establecidos por carné xove, carné de estudante, carné da Biblioteca de Tui,
familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación será de 5€.
Este evento forma parte da programación “Tui, o Camiño do Nadal, o camiño natural”.
Datos técnicos
Organiza: Concello de Tui
Produción: Mistura Vocal e Paula Cobián Escola de Danza
Con ALFREDO RODRÍGUEZ no papel de Scrooge
Colaboración especial do coro ImaGine VoiZes de Aldeas Infantiles
Dirección artística: Paula Cobián
Dirección musical : Aloia Martínez
Iluminación e efectos visuais: Diego Leirós
Asesoramento musical: Manuel Cunqueiro
Escenografía e atrezzo: Eva García e Juantxo García
Rexedora: Inés Cobián
Texto: Alfredo Rodríguez e Olga Cameselle
“Matte painting” e maquetación: Marta Fontán
Vídeo: Gus Abreu
Fotografía: Raquel Diz e Ricardo Villa
Sem comentários:
Enviar um comentário