terça-feira, 24 de dezembro de 2019

En 2020 executarase a humanización do primeiro tramo da rúa Colón cun investimento de 314 mil euros con cargo ao Plan Concellos 2018

O CONCELLO DE TUI ESTÁ A LICITAR OBRAS POR VALOR DE MILLÓN E MEDIO DE EUROS DO PLAN CONCELLOS 2018 E 2019
O Concello de Tui vai acometer o próximo ano a humanización do primeiro tramo da rúa Colón cun investimento de 314 mil euros con cargo ao Plan Concellos de 2018. As obras contemplarán o ensanchamento de beirarrúas, pavimentado, colocación de mobiliario urbano e zonas verdes. Será a actuación de maior importe do Plan Concellos 2018. 
O departamento de Contratación do Concello de Tui ten arestora en licitación as obras correspondentes ao Plan Concellos tanto de 2018 coma de 2019, que suporán un investimento de millón e medio de euros no prazo dun ano, xa que todas deberán estar executadas e certificadas antes de novembro de 2020.
Corresponde á anualidade de 2018 a elaboración da Cartografía e a Rede Topográfica do Concello de Tui, a substitución da cuberta da nave municipal de maquinaria, a creación dunha zona recreativa no CEIP de Rebordáns, o arranxo das pistas de tenis de Areas, a mellora dos vestiarios no vello pavillón municipal.  Todas están arestora en licitación.
Mentres está pendente de saír a licitación a reforma dun parque na parroquia de Areas.
No que se refire as obras da anualidade de 2019 están en fase de contratación as obras de reforma do vestiario do persoal de obras na nave municipal, a mellora do pavimento no pavillón novo, o arranxo do saneamento das vivendas públicas de Caldelas, a subsanación de deficiencias no Centro Municipal de Remo, a renovación de equipos da Radio Municipal e a mellora da cuberta en módulos do cemiterio municipal.  Tamén do Plan Concellos 2019 está en tramitación a reforma do parque infantil da Gándara, en Guillarei, e o acondicionamento dun parque infantil nas Bornetas.
Corresponde tamén a 2019 o Plan Deporemse da Deputación que, tras solucionar as baixas temerarias que se produciron na licitación, vén de ser adxudicado.
Cómpre destacar que o goberno municipal logrou certificar, dentro do prazo establecido, a totalidade das obras pendentes do Plan Concellos de 2017, que tivo que licitar, adxudicar e executar nun prazo de catro meses e medio dende a súa toma de posesión.
O goberno municipal está a traballar xa na definición dos proxectos que presentará á Deputación de Pontevedra para o seu financiamento ao abeiro do Plan Concellos 2020 cun importe aproximado de 800 mil euros.
Amais o goberno municipal trasladou á Deputación de Pontevedra a solicitude de humanización das estradas provinciais de Rebordáns e Ribadelouro, proxectos que están en estudo por parte do ente provincial.

Sem comentários:

Enviar um comentário