sexta-feira, 13 de março de 2020

O Concello de Tui baralla o aprazamento das Festas de San Telmo se non cambia o actual escenario de prevención ante o Coronavirus

SUSPÉNDESE A CELEBRACIÓN DO MERCADO SEMANAL, XUNTO A TODAS AS ACTIVIDADES ORGANIZADAS POLO CONCELLO.
O Concello de Tui baralla o aprazamento das Festas de San Telmo que se celebrarían do 11 ao 20 de abril.  Esta é unha das medidas que están sobre a mesa e das que informou hoxe o alcalde, Enrique Cabaleiro, acompañado polos representantes de todos os grupos municipais da corporación.
“O evento máis importante que temos por diante, as Festas de San Telmo, no escenario actual de prohibición de concentracións de máis de mil persoas e coas recomendacións e directrices por parte das autoridades sanitarias non se poderían celebrar e serían aprazadas”, así o manifestaba con toda cautela o rexedor tudense. Engadía que haberá que ver os escenarios posibles a un mes vista da celebración do evento, a evolución da crise do coronavirus, e “en función da evolución e seguindo as directrices das autoridades sanitarias tomaremos as decisións que estimemos oportunas”.
O rexedor anunciou a suspensión do mercado semanal dos xoves e tamén da Feira de Oportunidades prevista para a próxima semana, así coma de todas as actividades organizadas polo Concello. Igualmente péchase todos os equipamentos de titularidade municipal.  Na casa do concello, coma xa se informou onte, queda suspendida a atención ao público e os trámites faranse de xeito telefónico ou a través da sede electrónica.  Salvo o rexistro de entrada que permanecerá aberto e o departamento de Servizos Sociais atenderá os casos de extrema urxencia e sempre contactado previamente por vía telefónica.
Cando ao alcalde comparecían hoxe en rolda de prensa José Ángel Fernández do PP, Juan Miguel Diz Guedes de Ciudadanos, Xosé Martínez Tato do BNG, José Manuel Palacín de C21, e Laureano Alonso de En Marea. Tamén estaban presentes varios membros do equipo de goberno.  Os voceiros dos grupos da corporación respaldaron as decisións tomadas, e fixeron un chamamento á veciñanza a actuar con responsabilidade.
Amais das Festas de San Telmo están tamén sobre a mesa as celebracións da Semana Santa polo que o próximo luns os responsables municipais manterán unha reunión cos responsables da organización destes actos para avaliar no escenario actual a celebración ou suspensión dos mesmos.
Esta mañá a xunta de portavoces acordou celebrar a próxima semana a comisión informativa prevista e o pleno ordinario deste mes de marzo, pero a porta pechada.
Explicaba o rexedor tudense que a corporación municipal asume a responsabilidade de tomar todas estas medidas pero tamén facía un chamamento á responsabilidade individual de cada un de nós.
Semanalmente a xunta de portavoces reunirase para estudar a situación en cada momento e tomar as decisións que correspondan.

Sem comentários:

Enviar um comentário