HABERÁ CATRO RUTAS, LUME, CEO, RÍO E TERRA. HABERÁ TAPAS TRADICIONAIS E CREATIVAS
Unha véntena de establecementos de restauración de Tui participan neste mes de marzo no II Concurso Tui&Tapa. Trátase dunha iniciativa da Asociación Cultural Arraianos que conta coa colaboración do Concello de Tui a través das concellerías de Comercio e Turismo.
Esta mañá tivo lugar a presentación deste evento por parte da concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, o concelleiro de Servizos Sociais e Medio Ambiente, Ismael Diz, e a presidenta de Arraianos, Andrea Costa.
Na presentación deste mediodía a concelleira Ana Mª Núñez destacou a importancia deste evento porque crea “marca” no municipio, atrae visitantes e dinamiza a cidade. Mentres o concelleiro Ismael Diz, resaltou o interese da iniciativa e desexou que supere o éxito acadado xa na primeira edición.
Andrea Costa, presidenta de Arraianos, explicou o funcionamento deste concurso de tapas que se celebrará os venres e sábado dende esta fin de semana e até finais de mes.
Establécense catro rutas con cinco locais en cada unha delas. A Ruta Lume na que participan Tapería Remesal, Restaurante Casa Pote, El Pilar Café-Bar, El Molino, e La Gran Manzana. A Ruta Río está formada por O Peto das Ánimas, o Café Bar El Pórtico, Santiamén, La de Manu, e Tapería Época. Mentres Tapas e Viño, Gastro Taberna Santiamén, Tapería O Albergue, O Vello Cabalo Furado e Ideas Peregrinas integran a Ruta Terra. Por último na Ruta Ceo están o Asador Pizzería La de Jose Luís, La Oruguita, Amazonas, Café Bar Entrehoras e Puro Sabor.
Os venres e sábados poderanse degustar un total de 22 tapas coma “Crocante da Raia”, “Primavera de aguacate”, “Lulas flores”, “A Granxa de Teo” ou Empanadilla de lacón con grelos e queixo de Arzúa. Hai dúas modalidades unha tapa tradicional, que terá un prezo de 2€, e unha tapa creativa cuxo prezo será 3.
Cómpre consultar no folleto do concurso os horarios e datas nas que se servirán as tapas en cada local. Algunhas das tapas ofertas son aptas para celíacos, outras vexetarianas e veganas, estando identificadas no folleto do concurso.
As persoas que degusten as tapas poderán puntualas nas papeletas que estarán dispoñibles en cada local, e isto lles dará a opción a entrar no sorteo dos catro premios establecidos: Unha noite en Aloia Nature, unha cea para dúas persoas en Santiamén, un circuíto de spa para dúas persoas, e a visita a unha adega e cata de viño tamén para dúas persoas.
Sem comentários:
Enviar um comentário