O V Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que se celebra do 18 ao 22 deste mes chega cargado de optimismo e coas historias de relacións interpersoais coma grandes protagonistas. Play-doc reflicte o cine do real con documentais de autor, ofrecendo ao público unha programación pequena, asequible, con calidade e intensa, non facendo concesión comerciais, e apostando tamén por outras disciplinas coma a música ou o arte.
Así se puxo de manifestou esta mañá na presentación oficial do Festival, onde os seus directores Sara García e Ángel Sánchez estiveron arroupados polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e polo Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez. Un apoio que máis aló do simbólico e institucional se traduce tamén economicamente, xa que o Concello incrementará este ano a partida que dedica a Play-Doc, tentando así resarcir ao Festival da merma de ingresos que sufriu por parte doutras entidades por mor da crise. Tal é así que o orzamento de Play-Doc baixo un 30% con respecto ao de 2008, pero iso non significa baixar listón, xa que se segue apostando pola calidade.
O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, amosou de xeito explícito o seu apoio ao Festival así coma a súa felicitación aos organizadores polo traballo que levan realizando salientando que “é o mellor festival que se celebra en Galicia”.
Moisés Rodríguez, Concelleiro de Cultura, salientaba que Play-Doc é unha das chamadas máis importantes ao longo do ano en Tui, cualificando ao Festival do “acontecemento cultural de Tui con máis proxección internacional”. Un evento que fai de Tui, ao longo dos días da súa celebración, o epicentro da cultura.
Os directores do Festival, Sara García e Ángel Sánchez, foron os responsables de expor as liñas mestras desta quinta edición de Play-Doc na que buscaron seguir cara adiante e apostaron por unha programación máis arriscada, chea de máis contidos que en anos anteriores. Ángel Sánchez manifestaba “o Festival non pode dar marcha atrás, a nosa idea é seguir a liña iniciada, crecer en calidade cunha selección pequena pero intensa, combinando o cine con outras actividades”. Por iso dicía “Play-doc converteuse nun Festival con criterio”.
Aludía a presenza que o Baixo Miño terá este ano nas proxección con dous realizadores tudenses Diana Gonçalves que presenta “Mulleres da raia” e Víctor Coyote con “Afranio”, amais de “Cantos Rodados” sobre o grupo Xerock do Centro San Xerome, e “Manuel e Elisa” que narra a historia dun matrimonio do Rosal.
Sara García salientou que do 18 ao 22 de marzo vanse proxectar 31 películas de diversidade de países, con distintos puntos de vista e de variada temática, todas elas con “marcado carácter optimista e onde as relacións interpersoais son protagonistas”. A sección Oficial, a concurso, dividirase en longametraxes, curtametraxes e documentais galegos, mentres que na sección informativa salientaron as dúas retrospectivas que este dedican a Audrius Stonys e a Bogdan Dziworski. Deste último salientaba que foi para eles “todo un descubrimento”.
Tamén explicaba Sara García que o xurado deste ano ten a compoñente de reunir a realizadores que xa estiveron presentes ao través dos seus documentais no festival coma é o caso de Riscka Jickels e Georgi Lazarevski. Canda eles estarán Constance de Corbière, Jose Luis Losa e M. Martí Freixas.
Nas actividades paralelas destacaban a presenza da exposición do iraniano Jamsid Aminfar, así coma os concertos que serán presentados en breve.
Sem comentários:
Enviar um comentário