A programación recollida na Axenda Corredoira ten un orzamento de 90 mil euros
Teatro, música, danza e palabra na programación do primeiro semestre no Teatro Municipal
A Axenda Corredoira recolle estas actividades xunto as que se levarán a cabo no exterior
A programación cultural de Tui para o primeiro semestre do ano ten un orzamento de 90 mil euros, un 19% menos que en 2009. Deste total 24 mil euros son destinados pola Concellería de Cultura aos espectáculos que se van desenvolver no Teatro Municipal de Tui nos que se fai unha aposta pola calidade e variedade, destinados a todo tipo de público. Nesta ocasión faise un guiño especial cara aos espectadores da outra beira do Miño, que na actualidade representan o 5% do total, e inclúese a actuación dun afamado contacontos portugués coma é Jorge Serafím. Compre salientar tamén a presenza, nunha nova ocasión, do Centro Dramático Galego, coa súa última produción, recen estreada, “As actas escuras”. Esta programación vén recollida no número 19 da Axenda Cultural Corredoira. Da mesma editáronse 15 mil exemplares dos que 12 mil son distribuídos nos domicilios de Tui e Valença do Minho, e 3 mil en establecementos comerciais e no propio Teatro Municipal. En “Corredoira” amais dos espectáculos do Teatro Municipal inclúense as citas que figuran ao abeiro das Festas de San Telmo, a Feira de Artesanía e a do Libro, así coma o Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc e o Entroido. En “Corredoira” figura tamén a programación tanto da Sala de Exposicións Municipal coma do Anexo até o mes de xuño.
Os espectáculos comezan este mesmo venres, ás 20h, da man de Caramuxo Teatro que presenta para os cativos “Os Bolechas”. Os máis pequenos serán tamén os destinatarios das obras “A caixa de música” de Viravolta Títeres o 19 de febreiro, e “Cósima” da man de Sarabela Teatro o 14 de marzo.
O público adulto poderá gozar das representacións teatrais de Talía Teatro con “Palabras encadeadas” o 12 de febreiro, o Centro Dramático Galego con “As actas escuras” o 5 de marzo, e Teatro do Morcego presentará o 23 de abril “Kvetch, unha comedia americana sobre a ansiedade”.
A música ten cabida nesta programación da man do terceiro Certame de Bandas de Música do Sur de Pontevedra que organiza a Deputación o sábado 17 de abril. Así coma no espectáculo “Fisterránea. Músicas no cabo do mundo” que chega da man do Xacobeo. Este é un proxecto do grupo Berrogüeto xunto a outras agrupacións convidadas que encherán o Teatro o sábado 8 de maio.
A palabra estará presentes na “Noite de Contos” da man do afamado contacontos galego Quico Cadaval, e do portugués Jorge Serafím o 7 de maio. E a danza chegará nunha reivindicación da tradición o 21 de maio coa compañía de Quique Peón no espectáculo “Ovay”.
A presentación desta programación tivo lugar esta mañá por parte do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.
Moisés Rodriguez salientou que se preparou unha programación acorde cos tempos “realista e ambiciosa” neste Ano Santo, indicando que Tui será unha das sedes do proxecto “Finisterrae” do Xacobeo.
O Concelleiro de Cultura destacou na súa intervención que “en sete anos o Teatro Municipal converteuse nun espazo vivo” salientando a media de 300 espectadores lograda en 2009, xunto ao éxito da venda de entradas por internet que superou todas as expectativas representando o 40% do total.
Pola súa parte o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, felicitou á Concellería de Cultura pola programación e polo deseño da Axenda Cultura. Engadía que hai que seguir mantendo a Tui coma referente cultura da contorna pese as dificultades económicas.
Apuntou o rexedor tudense varios proxectos nos que se están a traballar coma a posibilidade de editar unha axenda conxunta con Valença do Miño, que estudarán proximamente nunha reunión de traballo.
Sem comentários:
Enviar um comentário