quinta-feira, 16 de novembro de 2017

Mañá ás 21.30h o Teatro Municipal de Tui acolle “Nacidas Libres” de Contraproducións

A obra foi escrita por Cándido Pazó e está dirixida por Cristina Domínguez
O Teatro Municipal de Tui acolle mañá venres, 17 de novembro, ás 21.30h a Contraproducións de Vedra coa obra “Nacidas libres”.
A muller é a gran protagonista nesta obra teatral, escrita por Cándido Pazó, na que catro actrices en paro que deciden autoempregarse, para non desaparecer da escena, montando unha peza. Non atopan textos para catro mulleres polo que deciden encargarlle a obra a unha xove escritora emigrada dándolle coma punto de partida a nova aparecida nos xornais do rescate de tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago.  Con esa inspiración argallan un espectáculo en múltiples planos nos que, con frescura, dinamismo, emoción, humor, reflexionan dende unha perspectiva de xénero sobre a desigualdade, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas, a emigración… O resultado é un espectáculo para pensar, desfrutar, emocionarse e divertirse.
As actrices Rocío González, Susana Dans, Casilda Alfaro e Mónica Camaño, conforman o elenco deste espectáculo no que dan vida a unha ducia de personaxes, baixo a dirección de Cristina Domínguez.  
Contraproducións dedícase á creación e distribución de espectáculos escénicos, conducida por Cándido Pazó, autor e director teatral, e Belén Pichel, xefa de produción.
Ás entradas para “Nacidas Libres” están á venda en www.culturatui.info até mañá venres ás 12h ou mañá dende ás 20h no despacho de billetes aos prezos de 6€ e 4,5€.
Contraproducións con “Nacidas libres”
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Data: Venres, 17 de novembro, ás 21.30h
Entradas: Á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 12h ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes ao prezo de 6€ e 4,5€.

Sem comentários:

Enviar um comentário