terça-feira, 8 de maio de 2018

Chamamento á cidadanía para manter os terreos e solares limpos para previr os incendios forestais

A limpeza débese facer antes do 31 de maio, e nesa data deben estar retirados os piñeiros, acacias, eucaliptos ou toxos na franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, emitiu un bando no que se lembra da obriga dos propietarios de terreos, construcións, edificios e instalacións de conservalos en condicións de seguridade, salubridade, accesibilidade e ornato.  O incumprimento desta obriga e a negativa as ordes de execución que poida ditar o concello poderán levar a imposición de multas de entre mil e 10 mil euros, reiterables trimestralmente ata que se cumpra o ordenado, ou podendo o Concello acudir a execución forzosa subsidiaria a custa do infractor.  
Dende o Concello de Tui lémbrase que segundo o recollido na Lei 3/2007 de Prevención de Defensa contra os incendios forestais de Galicia "....será obrigatorio para as persoas responsables (persoas titulares do dereito de aproveitamento sobre terreos forestais e terreos situados nas zonas de influencia forestal), xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, campings, gasolineiras e parques e instalacións industrias, ubicadas a menos de 400 metros do monte e tamén ao redor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte”.
Do mesmo xeito “nesa mesma franxa de 50 metros mencionada non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira” en concreto piñeiro galego, piñeiro silvestre, piñeiro de Monterrei, piñeiro de Oregón, mimosa, acacia negra, eucalipto, brecina, carqueixa, xesta, queiruga, fento, silva e toxo.
No suposto de incumprimento das obrigas citadas -contempladas no artigo 21- por parte das persoas responsables, os entes locais enviaranlle unha comunicación na que se lembrará a súa obriga de xestión da biomasa vexetal e de retirada das especies prohibidas a realizar por eles nun prazo máximo de 15 días naturais, advertíndolles da posibilidade de execución subsidiaria por parte das entidades locais no caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda e da aplicación de multas coercitivas por parte da Consellería do Medio Rural, se é o caso, segundo o procedemento establecido no artigo 22 da mencionada Lei de Incendios.
Por último dende o Concello de Tui lémbrase que o prazo para levar a cabo a limpeza total das malezas remata o 31 de maio.

Sem comentários:

Enviar um comentário