terça-feira, 30 de outubro de 2018

O Concello de Tui vén de remitir ao xulgado o cronograma para executar a sentenza de desaloxo e demolición da pirotecnia La Gallega

O Concello de Tui vén de remitir ao Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Pontevedra o cronograma previsto para a execución da sentenza de desaloxo e demolición da empresa Pirotécnia La Gallega situada en Baldráns, no termo municipal de Tui.  Deste xeito, e despois do precinto do pasado mes de setembro,  o goberno local actual continua plasmando con feitos a súa vontade de cumprir co mandato xudicial da sentenza do 2015.  
Segundo figura neste cronograma a empresa ten ata este mércores, 31 de outubro, para levar a cabo o desaloxo voluntario das instalacións. En caso de incumprimento o concello procederá á execución subsidiaria do desaloxo, que requirirá a elaboración dun Plan de Desaloxo, para o que a empresa terá que facilitar un inventario das materias existentes nas instalacións. Este plan será enviado posteriormente á Intervención de Armas da Garda Civil e á Subdelegación do Goberno, e finalmente deberá ser aprobado en Xunta de Goberno Local e trasladado ao interesado, a efectos de que poida presentar recurso de reposición. Finalmente será o Concello quen contrate a unha empresa especializada para a execución do desaloxo, e podería impor multas coercitivas á Pirotecnia La Gallega por non levar a cabo o desaloxo voluntario. O prazo estimado para a execución do desaloxo por parte do Concello é de 3 meses. 
Por outra parte a empresa propietaria da pirotécnica debe executar o derrubo das instalacións, conforme a un proxecto, para o que terá o prazo dun mes dende o remate do proceso de desaloxo. Se La Gallega non procede a este derrube será o Concello quen o teña que facer de forma subsidiaria, tramitando para iso un proxecto de demolición, do que deberá informar tanto á Intervención de Armas da Garda Civil, como á Subdelegación do Goberno, e terá que contar coa aprobación da Xunta de Goberno Local. Por último será o Concello quen contrate as obras de demolición e as execute en caso de que antes non o faga a propiedade.
Segundo a información remitida polo Concello de Tui ao Xulgado no cronograma o tempo total estimado para o desaloxo e demolición das instalacións de La Gallega será de 8 meses no caso de que o Concello a teña que realizar de xeito subsidiaria. 
CRONOGRAMA
•    Desaloxo Voluntario Pirotecnia………………………….....……ata o 31 de outubro de 2018
•    Desaloxo subsidiario……………………………………………….3 meses (a contar desde o 31 de outubro).
•    Execución voluntaria de derribo……………………………........1 mes (a contar desde a acta de finalización do desaloxo).
•    Execución subsidiaria de derribo
o    Aprobación proxecto de demolición ……………...........1 mes (desde a expiración do prazo dun mes para o derrubo voluntario)
o    Execución obras de derribo……………………….....….3 meses (desde a aprobación do proxecto)
•    Prazo total………………………………………………………….8 meses

Sem comentários:

Enviar um comentário