quinta-feira, 8 de maio de 2008

Musical "Robin Hood" no Teatro Municipal de Tui

Os nenos de 4 a 14 anos son os destinarios do espectáculo que este venres, ás 20h, presenta no Teatro Municipal Producións Acontrabutaca. Trátase de “Robin Hood o musical”. Este espectáculo forma parte da programación que organiza a Concellería de Cultura de Tui.
Xosé Lueiro é o responsable da dirección e a música da obra, na que a escenografía foi realizada por Paco Oti. Dan vida aos persoaxes Nuria Sanz, Patricia Vázquez, Rocío González, Ana Puente e Fran Ameixeiras. Ao longo dunha hora achéganos este musical que narra a historia de Robin Hood acompañado de Little John e Trasno. Tras regresar das cruzadas Robin Hood atópase na vila de Nottingham coa explotación que está a facer dos veciños o príncipe Xoan en ausencia do seu irmán Ricardo. A aparición de Robin Hood cambiará o curso da historia.
Acontrabutaca Producións nace no ano 2007 co gallo de normalizar e complementar a oferta teatral existente na actualidade en Galicia dirixindo as súas propostas escénicas ao gran público.
As entradas para este espectáculo poranse á venda o propio venres, na billeteira do Teatro, a partir das 16.30h ao prezo de 3,5€, 2,5€ con desconto e 2€ para os menores de 12 anos.

Sem comentários:

Enviar um comentário