Mañá martes 16 de xuño de 2009, ás 20,30 horas, terá lugar na Sala Félix Rodríguez, no edificio “Área Panorámica”, a presentación do libro do historiador tudense Suso Vila titulado “A cidade de Tui durante a Baixa Idade Media” recentemente publicado pola editorial Toxosoutos.
Esta obra foi galardoada co segundo premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2008 que convoca a devandita editorial Toxosoutos en colaboración coa Fundación Comarcal de Muros e Noia; un certame que acada a súa oitava edición e que posúe un consolidado prestixio.
O xurado do premio, presidido polo catedrático da Universidade de Santiago Carlos Barros, destacou deste traballo a pormenorizada descrición dos acontecementos políticos, sociais, económicos e artísticos da cidade de Tui dende o século XI ao século XV, coa excepcionalidade de que todos eles se basean en fontes do bispado, cabido e catedral da cidade tudense.
A presentación do libro na nosa cidade estará a cargo de:
Jacobo Lamas, director de publicacións da editorial Toxosoutos
Rafael Sánchez Bargiela, historiador e técnico da biblioteca e arquivos municipais de Tui
Suso Vila, historiador e autor da obra.
A Concellería de Cultura tudense, a través da Biblioteca Municipal, colabora nesta presentación dunha obra que, en palabras do concelleiro Moisés Rodríguez Pérez, ten de contribuír axeitadamente ao coñecemento da nosa historia, nunha época, como é a medieval, que conforma a identidade da cidade tudense.
Sem comentários:
Enviar um comentário