segunda-feira, 22 de junho de 2009

TUI CONMEMORA O CXVIII ANIVERSARIO DOS XOGOS FLORAIS DE GALICIA CUN RECITAL POÉTICO O MERCORES 24 DE XUÑO

Celebrarase na Igrexa de San Domingos coa participación de Yolanda Castaño, Eva Veiga e Marga do Val e a colaboración do músico Tomás Camacho
A cidade de Tui conmemorará o vindeiro mércores 24 de xuño o CXVIII aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia cun recital poético que reunirá na Igrexa de San Domingos a partires das 20,30 horas ás poetas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Marga do Val, coa colaboración do músico Tomás Camacho, nunha actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Tui ao abeiro do programa Letras Vivas da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
Este festival poético rememora a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Sem comentários:

Enviar um comentário