Se comparamos cos datos dos mesmos meses do ano pasado a cifra de pernoctacións no albergue tudense dispárase
O Ano Santo Compostelán xa se deixa notar en Tui. A afluencia de peregrinos que decidiron pernoctar na cidade tense disparado con respecto ao ano pasado. Se comparamos os datos co anterior Ano Santo, celebrado en 2004, o número de peregrinos que fixeron noite no albergue triplicouse. En concreto, rexistráronse en xaneiro 68 pernoctacións e 96 en febreiro, a pesares de coincidir cun dos invernos mais duros dos últimos anos. Nos primeiros meses do ano pasado, o albergue de peregrinos de Tui acolleu a 8 peregrinos en xaneiro e a 12 en febreiro.
Dende Tui estanse tamén a multiplicar os esforzos para promocionar a cidade como Porta de entrada do Camiño portugués en Galicia e para dar a mellor acollida posible ós peregrinos que decidan facer a ruta portuguesa. Deste xeito, o albergue de peregrinos de Tui e o de Ponte da Lima están en conexión vía Internet para que os peregrinos conten con información fiable e actualizada da dispoñibilidade de prazas. Por outra banda, está previsto que en breve prazo Tui duplique a súa oferta de prazas de albergue, ao poñer en marcha un albergue provisional na zona municipal do antigo convento de San Domingos.
En canto aos traballos de promoción, a edición de folletos informativos, con información específica de interese para o peregrino en seis idiomas, ou a presenza en Tui de destacados xornalistas de toda España especializados en turismo, son algunhas das últimas accións que se están a desenvolver para atraer aos peregrinos a facer a ruta portuguesa orixinal.
O perfil de Facebook “Tui Camino de Santiago” é outro dos referentes desta promoción da cidade como destino turístico, así como en numerosos foros, páxinas e blogs nos que se debate sobre o roteiro portugués. Por outra banda, a confirmación da presenza do Papa en Santiago no mes de Outubro, levará a moitos peregrinos a atrasar a súa viaxe para coincidir coa presenza de Benedicto XVI na capital galega.
Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, os esforzos a desenvolver arredor da promoción do camiño portugués é un investimento de futuro pois resulta cada vez máis evidente que os camiños de peregrinación é un fenómeno, vinculado ao turismo cultural e relixioso, que adquire progresivamente maior relevancia. E na nosa cidade á converxencia co importante patrimonio cultural e natural da cidade, do que o camiño é unha referencia excepcional, converten a Tui nunha etapa de referencia nas rutas xacobeas. O Concello de Tui en consecuencia non regateará esforzos neste aspectos pois o considera de grande interese para a proxección da nosa cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário