sexta-feira, 4 de maio de 2018

A artesanía será a protagonista esta fin de semana no conxunto histórico de Tui

O conxunto histórico de Tui será o escenario esta fin de semana, sábado 5 e domingo 6 de maio, da XXII Feira de Artesanía organizada polo Concello de Tui, a través da concellería de Comercio, coa colaboración da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e a Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui. O obxectivo desta actividade, que conta cunha longa tradición na cidade, é apoiar a difusión e comercialización do produto artesán, ao tempo que se dinamiza o conxunto histórico da cidade e o centro comercial aberto.
Dende o sábado a mediodía e ata o domingo a última hora da tarde corenta e dous artesáns, dos que quince son de Tui, todos eles con cartá de artesán amosarán as súas creacións en cerámica, textil, madeira, vidro, ...  Estarán distribuídos pola rúa Ordóñez e a Praza de San Fernando.  Amais na praza de San Fernando participarán tamén a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e a Asociación de Bordado ao Aire da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui.
Ao tempo está prevista a actuación de varios grupos de Tui. O sábado será a quenda do grupo folclórico Seixos Albos de Areas (12h), a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei (13h), a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos (18h) e a agrupación Inquedanzas de Pazos de Reis (20h), e o domingo actuarán a Banda de Gaitas O Mosteiro de Pexegueiro (12h), o grupo da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro (18h) e a Banda de Gaitas Arume de Malvas (20h).  Amais tanto o sábado coma o domingo haberá inchables para os cativos no Paseo da Corredoira.
A concelleira de Comercio, Yovana Velázquez, convida a visitar Tui esta fin de semana pasear polo conxunto histórico e coñecer a artesanía elaborada tanto en Tui coma en Galicia, ao tempo que disfrutar da nosa cultura tradicional a través do folclore local.
XXII Feira de Artesanía de Tui
Lugar: rúa Ordóñez, Praza do Concello e Praza de San Fernando
Data: Sábado 5 e domingo 6 de maio de 12 a 22h
Participan: 42 artesáns galegos (15 de Tui), a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e a Asociación de Bordado ao Aire da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui.
Programación
Sábado 5 de maio
12h inauguración e actuación do grupo folclórico Seixos Albos de Areas
13h Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei
18h Banda de Gaitas San Xoán  de Paramos
20h Agrupación Inquedanzas de Pazos de Reis
Domingo 6 de maio
12h apertura e actuación da Banda de Gaitas O Mosteiro de Pexegueiro
18h Grupo da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro
20h Banda de Gaitas Arume de Malvas
* Os dous días haberá inchables para os cativos no Paseo da Corredoira

Sem comentários:

Enviar um comentário