segunda-feira, 7 de maio de 2018

Tui acollerá de maio a xullo un curso de Monitor de Fútbol Sala

A inscrición está aberta dende hoxe na web da Federación Galega de Fútbol Sala
Tui  acollerá do 15 de maio ao 24 de xullo un curso de Monitor de Fútbol Sala organizado pola Federación Galega de Fútbol, coa colaboración do Concello de Tui a través da concellería de Deportes, e dos clubs deportivos de fútbol sala da cidade, A Quinta de Tui FS e o Club Deportivo Tui FS.
A presentación desta actividade formativa correu a cargo de Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui, Andrés Urseira, concelleiro de Deportes, Fernando Iglesias, directivo da Federación Galega de Fútbol, e Manuel Mosquera, director da Escola Galega de Adestradores da mesma, xunto a Roberto Carlos Vila e Juan Novás, presidentes do Club A Quinta de Tui FS e do Club Deportivo Tui FS.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, aproveitou a ocasión para darlle a benvida aos representantes da Federación Galega de Fútbol e para felicitar aos responsables polo traballo previo á celebración da formación. Pola súa parte, Andrés Urseira, concelleiro de Deportes, quixo destacar o contido do curso, poñendo o acento nos aspectos relacionados coa formación en valores.
Fernando Iglesias, directivo da Federación Galega de Fútbol, tamén agradeceu a todos os colaboradores que facilitaron a organización deste curso, sobre o que destacou a formación da man de profesionais cualificados. Manuel Mosquera, director da Escola Galega de Adestradores, encargouse de explicar en que consistirá o curso, cunha clara finalidade de actualizar aos monitores de fútbol sala cunha titulación antiga amais de formar a novos profesionais nun xeito actual de entender a función do adestrador.
Este curso habilita aos participantes como monitores de fútbol sala até a Terceira División e pode realizarse a partir dos 16 anos, co requisito de contar co título de Educación Secundaria Obrigatoria ou rematando o último curso.
As clases terán lugar os martes e venres na aula CeMIT na Área Panorámica en horario de 19.30h a 22.30h.  A matrícula ten un prezo de 150€.  A inscrición pode realizarse dende hoxe a través da web da Federación Galega de Fútbol Sala.