A Biblioteca Pública Municipal de Tui desenvolve esta semana diversas actividades arredor da celebración, o vindeiro domingo, do “Día das Letras galegas” continuando a súa programación denominada “Mes dos Libros” que abrangue os meses de abril e maio.
Así o vindeiro xoves, 14 de maio, ás 18,00 horas haberá unha nova sesión de contacontos para a infancia que baixo a denominación de “Había unha vez correrá a cargo de “Pavís-Pavós” contacontos.
Pavís-pavós formouse no ano 1996 co obxectivo de fomentar a transmisión oral da literatura infantil clásica e contemporánea, neste tempo teñen realizado centos de sesións ao longo de Galicia e a Península. A súa posta en escena basease no xeito tradicional de contar contos, onde coa expresión facial, o xesto e a modulación da voz, xunto a única axuda do libro como elemento de apoio, crean un ambiente propicio para acoller aos nenos.
Este contacontos forma parte do programa “Letras vivas” que promove a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, en colaboración co Concellería de Cultura do Concello de Tui.
Exposicións co gallo do 17 de maio
A programación da Biblioteca Municipal tudense arredor do “Días das letras” abrangue tamén sendas exposicións. A primeira dedicada á figura do escritor e intelectual galeguista Ramón Piñeiro, a quen lembramos neste ano 2009. Son quince paneis preparados pola Secretaria xeral de Normalización Lingüística e fornecen unha panorámica da traxectoria persoal e intelectual deste egrexio persoeiro das nosa letras.
Unha segunda exposición abrirá ao público este venres baixo o título de “Tui escrébese en versos”. Na mesma recóllese unha escolma de poemas escritos sobre a nosa cidade e que posibilitará un achegamento literario a Tui.
Finalmente, para completar este abano de actividades arredor do 17 de maio a Biblioteca Pública Municipal de Tui estará presente, un ano máis, na feira do libro que ao longo do vindeiro domingo ofrecerá aos tudenses e visitantes unha ampla oferta bibliográfica no Paseo da Corredoira.
Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, esta ampla oferta de actividades que realiza a Biblioteca Pública Municipal arredor do “Día das Letras Galegas” evidencia o dinamismo deste centro bibliotecario que impulsa unha ampla oferta de actividades para a promoción do libro e a lectura.
Sem comentários:
Enviar um comentário