Haberá dobre función o venres ás 21.30h e o sábado ás 20.30h
Está baseado nun texto de Manuel Lourenzo e dirixido por Quico Cadaval
O Teatro Municipal de Tui acolle este venres ás 21.30h e o sábado ás 20.30h “As Dunas”. Este é o segundo espectáculo da temporada 2008/09 do Centro Dramático Galego, CDG, que nunha nova ocasión aposta por achegar as súas producións ao municipio de Tui.
A obra está baseada nun texto de Manuel Lourenzo e dirixida por Quico Cadaval. Sobre o escenario estará un elenco multidisciplinar de dez persoas para dar vida aos distintos personaxes.
“As Dunas” foi presentado esta mañá na Casa do Concello de Tui pola directora do CDG, Cristina Domínguez, e o actor Evaristo Calvo, xunto ao Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.
Cristina Domínguez, a directora do CDG, antes de referirse a obra tivo eloxios para o traballo cultural que se realiza en Tui sinalando que “o importante é traballar coa xente que está a facer unha gran labor” engadindo que “o Concello de Tui merece o público e a resposta que está a ter no Teatro”. Xa con respecto “As Dunas” manifestaba que se trata dunha obra “louca, divertida e un pouco picante” feita con humor e calidade reunindo a un conxunto de xente moi atraínte. Amais do resultado de unir o texto de Manuel Lourenzo e a dirección de Quico Cadaval saíu unha peza divertida, crítica e cunha óptica especial. A mesma ten unha estética dos anos 70 localizada na Mariña de Lugo, nunha nave onde unha serie de actores ensaian un spa que se vai estrear. Na mesma hai números musicais picantes, unha trama principal e tamén un trasfondo crítico.
Evaristo Calvo, un dos actores protagonistas, abondaba que “As Dunas” é “un espectáculo de actualidade que incide nos problemas dos nosos días, ambientada nunha Galicia que ten substrato universal”. Engadía amais que a escenografía lembra as fotonovelas en cor, presentando “algo real de xeito moi onírico”.
O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, agradeceu a presenza do CDG en Tui nunha nova ocasión, ao tempo que se refería aos datos de público acadados polo Teatro Municipal en 2008, segundo o segundo en espectadores na Rede Galega de Teatro e Auditorios. A este respecto sinalaba que “a clave é seguir traballando coma se fose a primeira vez”.
Por último o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, agradeceu o trato que dende o CDG deuse a Tui que estivo “apartado doutras loitas que nada teñen que ver coa cultura”.
Para promocionar a presenza de “As Dunas” en Tui a compañía Pista Catro fará mañá xoves a partir das 11.30h un pasarrúas polo centro da cidade.
As entradas para este espectáculo están xa á venda en www.culturatui.info. Pódense mercar tamén no despacho de billetes da Área Panorámica o mesmo día da función hora e media antes de que comece o espectáculo. O prezo xeral é de 7€, 5€ con desconto e 4€ para os menores de 12 anos.
CDG con “As Dunas”
Data e hora:
Venres 8 ás 21.30h
Sábado 9 ás 20.30h
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Venda de entradas:
En www.culturatui.info
No despacho de billetes da Área Panorámica o venres dende ás 20h e o sábado dende ás 19h.
Prezos: 7€ - 5€ con desconto – 4€ menores de 12 anos
Sem comentários:
Enviar um comentário