5 padeeiros do Club Kayak Tudense participaron no Mundial de Moscú
Onte cumpríronse trinta anos da histórica medalla de bronce que Enrique Míguez acadou nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 84, que marcou un antes e un despois no deporte do piragüismo tudense.
Dende aquel día, o Club Kayak Tudense segue mantendo ano tras ano aos seus padeeiros entre a elite mundial, levando o nome da nosa cidade por todos os países onde compiten, converténdose nos mellores embaixadores do Concello de Tui.
Na pasada fin de semana, cinco padeeiros do club tudense participaron no Campionato do Mundo de Piragüismo en Pista de Moscú, acadando excelentes resultados, clasificándose a maioría deles nas finais.
Óscar Carrera, integrante do K4 1.000 que recentemente acadou a medalla de ouro na Copa do Mundo disputada en Milán, rematou na final na oitava posición, despois de sufrir a rotura do temón da súa embarcación cando loitaban pola medalla de prata. Este resultado no empaña as boas sensacións que transmitiron de cara ao futuro, na que seguro loitarán pola praza para os Xogos Olímpicos de Río 2016.
Rubén Millán, recentemente Campión do Mundo Sub23, xunto a Diego Piña, competiron en K2 500 metros, acadando na sexta posición, nunha embarcación formada fai pouco tempo, que logrou a praza para o Mundial despois de superar o selectivo.
Ana Varela, que competiu no K4 500, acadou o oitavo posto na final, posto que daría a posibilidade de participar nos Xogos Olímpicos se o Mundial fora o de o próximo ano.
Por último, Víctor Rodríguez, que competiu en K2 1000 metros, acadou a terceira posición na final B, xunto ao palentino Diego Cosgaya.
Os éxitos deportivos do Club Kayak Tudense non acaban na pista, xa que en próximas datas, os padeeiros Iván Alonso, Ramón Ferro e Óscar Graña viaxarán a Oklahoma (EEUU), para participar no Campionato do Mundo de Maratón, onde tentarán revalidar os títulos de campións do mundo acadados no ano pasado. Iván Alonso, que na pasada fin de semana participou no Descenso Internacional do Sella, rematando en segunda posición en K2, xunto ao zamorano Emilio Merchán, buscará revalidar os títulos continentais tanto en K1 como en K2.
O Concello de Tui desexa felicitar aos padeeiros do Club Kayak Tudense que participaron no Campionato do Mundo de Moscú por estes magníficos resultados, así como desexa moita sorte a Iván Alonso, Óscar Graña e Ramón Ferro na súa participación no Campionato do Mundo de Maratón de Oklahoma.
Dado o trinta aniversario da medalla de bronce acadada nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 84, o Concello de Tui felicita a Enrique Míguez por esta histórica medalla, que segue sendo todo un referente no mundo do piragüismo.
Sem comentários:
Enviar um comentário