Romaría en Caldelas, Descenso, Festival Gastronómico, e Festimiño figuran no programa previsto
Este sábado, 16 de agosto, celébrase en Tui a Festa do Miño organizada polo Concello de Tui e as asociacións culturais “Seixos Albos” de Areas, “Val de Flores” de Baldráns, “A Insua” de Caldelas, “Lembranzas da terra” de Guillarei, “Santiago” de Malvas, “San Xoán” de Paramos, "Aloia" de Pazos de Reis, “O Mosteiro” de Pexegueiro, “Xuntanza” de Randufe, “San Fins” de Rebordáns, “Santa Columba” de Ribadelouro.
O programa previsto comezará ás 13h coa saída dende o Paseo da Corredoira ata Caldelas, onde se celebrará un xantar campestre a prezos populares. Na Ribeira de Caldelas contarase con animación musical cun dj, así coma coa actuación de grupos folclóricos.
Dende a propia Ribeira de Caldelas sairá ás 17.30h o Descenso Festa do Miño en Piragua que irá ata a Praia da Mariña. Os interesados poden inscribirse ata mañá mércores, 13 de agosto, ás 23.59h na web www.festadomiño.com, ou descargando o boletín de inscrición e entregándoo nas asociacións culturais organizadoras. O prezo oscila entre os 8 da participación individual con piragua propia e os 32 euros da participación en parella alugando a piragua. Os 300 primeiros inscritos recibirán camiseta conmemorativa.
A Festa do Miño proseguirá a partir das oito da tarde no Paseo da Corredoira co Festival Gastronómico a cargo das asociacións culturais organizadoras que presentarán a prezos populares, 1€, 2€ e 3€, produtos da gastronomía galega coma empanada, filloas, chourizos,...
E para rematar a xornada a Festa trasládase ao Paseo Fluvial co Festimiño 2014 no que este ano van actuar Cristian Deluxe, DaSoul, Los Cacikes, Hugo Nández, Traffic House, Playdrum Brother e Kristian Rodríguez. A entrada é libre.
Sem comentários:
Enviar um comentário