Máis de 700 participantes no popular e 500 no internacional encherán o río Miño o próximo sábado
Este sábado, 23 de agosto, máis de 1.200 deportistas participarán e competirán no IV Descenso Popular do Miño e no XLIII Descenso Internacional do Miño, superando o récord de participación do ano pasado.
O evento deportivo organizado polo Club Kayak Tudense e o Concello de Tui volverá a reafirmarse como a festa do deporte tudense, na que ano tras ano vai aumentando o número de participantes.
O IV Descenso Popular tomará a saída ás 16.00 horas dende a ribeira de Caldelas, sendo o do Internacional ás 18.30 horas dende Salvaterra. A chegada para as dúas probas será en fronte ao pantalán do Centro Interfederado de Tui, onde os participantes recibirán o avituallamento e poderán ducharse nas instalacións deportivas municipais.
Nesta cuadraxésima terceira edición do Descenso Internacional do Miño está confirmada a participación dos padeeiros medallistas olímpicos, David Cal, Carlos Pérez “Perucho” e Quique Míguez, que xunto cos padeeiros do Club Kayak Tudense, elevan o nivel de interese desta proba internacional.
Tras a finalación da proba, a entrega de premios do XLIII Descenso Internacional do Miño realizarase entre as 20.30 e as 21.00 horas nas instalacións do Parador de Tui, onde os participantes poderán gozar dunha festa gastronómica e dun concerto musical a cargo da banda tudense “The Red Duck Blues Band”, do Dj Miguel Botz e Diana Tarín.
O Concello de Tui felicita ao Club Kayak Tudense polo éxito de participación nesta edición 2014 do Descenso do Miño, así como pola consecución da Liga Nacional de Piragüismo e da Copa do Rei, na pasada fin de semana, no Campionato de España de Piragüismo en Pista, disputado en Trasona (Asturias), ao rematar os padeeiros do Club Kayak Tudense con 28 medallas, nove de ouro, seis de prata e trece de bronce.
Sem comentários:
Enviar um comentário