O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez amosa a súa satisfacción polo anuncio realizado onte en Galicia polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, referido a que se manterán todos os partidos xudiciais, non se pechará ningún xulgado e Galicia terá sete tribunais de instancia, atendendo así as singularidades da Comunidade Autónoma.
Moisés Rodríguez destaca a importancia de poder manter o Partido Xudicial de Tui e os tres xulgados tudenses, tal e coma viñan defendendo ao longo dos últimos meses, tanto cun acordo plenario coma co acordo asinado hai uns días xunto a outros alcaldes da provincia.
O rexedor tudense insistiu nunha nova ocasión na importancia de manter a administración de xustiza próxima ao cidadá co mantemento dos partidos xudiciais, e recalcou a importancia de que Tui poida conservar así os tres xulgados de instrución que existen na cidade, o nº1 e o nº2 na Praza da Inmaculada e o nº3 no Paseo da Corredoira.
O alcalde de Tui amosa o seu agradecemento ao Ministro de Xustiza ao ter tido en conta as singularidades de Galicia e da provincia de Pontevedra modificando deste xeito a reforma inicial que se ía acometer da organización xudicial.
Sem comentários:
Enviar um comentário