terça-feira, 17 de outubro de 2017

Tui renova a súa presenza dixital cunha web dinámica e accesible dende distintos dispositivos

Dous eixos estruturan o novo portal un dedicado ao concello e outro ao turismo
O Concello de Tui contará nos próximos días cunha nova web municipal que brindará información máis completa e facilitará os tramites aos cidadáns. O novo portal, realizado baixo a tecnoloxía do xestor de contidos Drupal e totalmente accesible dende plataformas móbiles, marcará un punto de inflexión na presenza do Concello de Tui en internet brindando un acceso máis rápido e áxil.  Está estruturada en dúas partes diferenciadas unha delas dirixida a información municipal e a outra sobre a información turística.  No seu deseño apostouse polas cores azul e dourado do escudo e a bandeira municipais.
Amais da información sobre o alcalde, a corporación municipal e outros órganos de goberno, recolle tamén un apartado para os distintos departamentos dende onde amais dun texto introdutorio se achegan as novas de actualidade, información de área, e sobre as instalacións. Tamén varios servizos municipais contan cunha páxina propia accesible directamente ou a través da área á que pertencen.  Búscase amais unha maior interacción co cidadá tanto a través do apartado de “Incidencias” coma no “Buzón de Suxestións”.
Baixo o epígrafe de “Vive” recóllese a información do municipio en canto a situación, poboación, escudo e bandeira, historia, asociacións, clubs, festas... e no mesmo apartado achégase o directorio, transporte, citas previas...
A parte dedicada ao turismo estará accesible proximamente en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Na mesma a información da portada estrutúrase entorno aos principais reclamos turísticos da cidade o Conxunto Histórico, o Parque Natural do Monte Aloia, o Camiño de Santiago, o río Miño,  a Eurocidade Tui-Valença, a ruta Xudía, e a comarca do Baixo Miño.
A web completarase no prazo aproximado dun mes cunha aplicación móbil, APP, dende a que se poderá consultar a información do concello, de turismo, a axenda, enviar incidencias, ou recibir avisos.
A presentación esta mañá na aula CeMIT correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e do concelleiro de Novas Tecnoloxías, Laureano Alonso.

Sem comentários:

Enviar um comentário