Realizaranse catro rutas con actividades experimentais sobre o modo de vida na prehistoria
Tralas pegadas do tempo” é o nome das visitas guiadas, conducidas por arqueólogos que a concellería de Cultura e Patrimonio organiza para as próximas semanas. Trátase de catro rutas nas que dun xeito lúdico, participativo e experimental, os participantes poderán descubrir parte do patrimonio arqueolóxico do municipio e entender ás persoas e sociedades da prehistoria que habitaron o espazo xeográfico que hoxe en día ocupamos nós.
A través destas visitas guiadas poderase coñecer non só as manifestacións materiais que se conservaron ata hoxe, senón que o proceso divulgativo contará tamén como novidade cunha serie de actividades experimentais relacionadas cos modos de vida da prehistoria, tales como a descuberta do lume, introdución á caza, obradoiros de aerografía ou fundición de metais, que se realizarán de xeito previo á visita. Deste xeito, trátase de que o visitante amais de obter unha serie de coñecementos, consiga empatizar, valorar e crear un vínculo co individuo que deixou a súa pegada miles de anos atrás e tome conciencia do valor da preservación do patrimonio.
A primeira das citas terá lugar este venres, 17 de agosto, coa “Ruta dos petróglifos do Alto do Coello e Fontiñas”. Os participantes terán que estar ás 20.30h en Chan do Carrasco, Randufe, onde se realizará a actividade experimental e posteriormente sairase cara ao Alto do Coello para visitar os muíños naviculares e logo os petróglifos de Fontiñas.
O venres 24 de agosto realizarase a “Ruta dos petróglifos da Macoca e castro do Alto dos Cubos”. O punto de encontro será o parque infantil da Macoca ás 20.30h.
A terceira visita será o sábado 8 de setembro coa “Ruta dos Petróglifos do Rachadón e Mámoas da Chan do Tetón” en Malvas. A derradeira será o sábado, 15 de setembro, ás Mámoas de Chan Longa e ao recinto fortificado do Monte Aloia.
Para participar nas vistas programadas é preciso inscribirse previamente a través do whatsapp 610 70 34 88, existindo un límite de 50 prazas por día. No caso de inclemencias meteorolóxicas ou alto risco de incendios serán adiadas.
Programa “Tralas pegadas do tempo”
Venres, 17 de agosto, ás 20.30 h. Lugar de recepción Chan do Carrasco, Randufe. Ruta dos petróglifos do Alto do Coello e Fontiñas.
Venres, 24 de agosto, ás 20.30 h. Lugar de recepción parque infantil da Macoca. Ruta dos petróglifos da Macoca e castro do Alto dos Cubos.
Sábado, 8 de setembro, ás 20.30 h. Malvas. Petróglifos do Rachadón e Mámoas da Chan do Tetón.
Sábado, 15 de setembro, ás 20.30h. Mámoas de Chan Longa e recinto fortificado do Monte Aloia.
As visitas terán un cupo de 50 persoas e será preciso inscribirse a través do whatsapp 610 70 34 88.
En caso de inclemencias meteorolóxicas ou alto risco de incendios serán adiadas.
Sem comentários:
Enviar um comentário