A fronteira entre Galicia e Portugal comeza a definirse co recoñecemento da independencia de Portugal no século XII, pero funcionará a efectos unicamente políticos ata a Idade Moderna, onde a implantación dos Estados Nacionais necesita a creación dunha fronteira definida tamén nos ámbitos económicos e, especialmente, mentais.
Na Idade Media a circulación ao longo da fronteira miñota é intensa, ata a punto de que o propio monarca portugués Afonso V outorga en 1462 cartas de veciñanza ás xentes do territorio tudense para que poidan mercar con liberdade nas feiras do Miño lusitano, sen pagar tributos. O comercio ilícito é unha constante desde a creación da fronteira, pero aumentará na medida en que esta se consolida. Tui e Valença serán escenarios privilexiados para este comercio ilegal, que mudará segundo as necesidades de cada época: o sal na Idade Media; o gando na época moderna; o café, o tabaco, as armas en tempos máis recentes, serán protagonistas desta circulación a escondidas que atopa no río Miño un obstáculo, pero tamén un aliado. A creación de forzas policiais no século XIX -os coñecidos como guardinhas portugueses e os carabineiros españois- incrementa o control do territorio, e aumenta o risco dos contrabandistas, que agora teñen que burlar as patrullas.
O contrabando en España, logo da II República, é designado, ás veces, co nome de “estraperlo”, que fai especialmente referencia ao comercio ilegal dos artigos sometidos ao racionamento nos tempos da posguerra ou daqueles outros nos que interviña o Estado. Porén, contrabando é un termo moito máis amplo e definitorio dun tránsito comercial que pretende subtraerse dos aranceis fiscais. Un fenómeno constante que está inxerido na propia identidade dos raianos. Pero actualmente, na construción do imaxinario colectivo é, ás veces, reivindicado e asumido cunha aureola de certo romanticismo nostálxico. Cómpre lembrar que o contrabando fai referencia a dúas realidades contrapostas. Por unha banda, é un fenómeno que atopa a súa explicación, e mesmo xustificación, na miseria que existía nos pobos miñotos, o que impulsa aos nosos labregos e, especialmente, as súas mulleres, a dedicarse ao tráfico ilícito de café, peixe, fariña, aceite… arriscándose por levar un pouco de diñeiro ao fogar.
Pero o contrabando foi tamén unha fonte de riqueza para outros sectores da poboación, de carácter vilego ou urbano, que comerciaban ilegalmente e a gran escala, explotando a contrabandistas máis “pequenos”. Moitos deles amasaron grandes fortunas xa que contaban, decote, coa conivencia das autoridades. O paso do tempo, muda tamén a percepción deste fenómeno que evidenciaba a intensa comunicación que sempre existiu entre os habitantes de ambas beiras do Miño. Tan importante socialmente, tan intensamente sentida polas xentes da raia, que o propio goberno franquista español que nin sequera permitía a instalación de industrias nas zonas inmediatas á fronteira, tiña un pase especial para as “raianas”. Unha tentación para moitas mulleres, que transitaban, e tamén traficaban con pequenos obxectos e alimentos, diariamente pola ponte internacional. Rememorar o contrabando, o estraperlo, o “trapicheo”, é recuperar a memoria de auténticos heroes anónimos que salvaron tantas vidas nos duros tempos da Guerra Civil Española, de mulleres valentes e emprendedoras, que, amais de traballar na casa e no campo, arriscaban a súa liberdade para alimentar aos seus fillos; daqueles carabineiros e guardinhas que ollaron para outro lado na súa rolda diaria. É lembrar a fronteira da ponte internacional pechada desde a media noite ata as oito da mañá, a obrigatoriedade de amosar o pasaporte, trocar as pesetas a escudos. Pequenos xestos que nos obrigaban a ter presentes que eramos dous territorios independentes e incluso enfrontados, pero que non impediron que as ambas poboacións continuaran sentíndose parte dunha mesma realidade, namorándose alén das fronteiras, participando nas mesmas festas xa fose con treboadas ou “zes-pereiras” e, como non, procurando o sustento tanto nun lado coma noutro do seu río, que algúns chamaban fronteira.
in Revista Punto
Sem comentários:
Enviar um comentário