Actuarán mañá xoves, 30 de agosto, ás 21h na praza de San Fernando no ciclo “Vive o Camiño”
O programa de artes escénicas “Vive o Camiño” promovido por Turismo de Galicia chega mañá xoves, 30 de agosto, a Tui, porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia. A cita será ás 21h na praza de San Fernando onde está prevista a actuación de Celso Fernández Sanmartín “Celsiño” e de MJ Pérez.
Co título “O Camiño que camiña con nós” o poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín “Celsiño” presenta un espectáculo para todos os públicos no que conta contos, historias e memorias da tradición oral galega e da europea.
Colaborador habitual do programa Luar da TVG, Celsiño leva anos escoitando, conversando e recollendo historias por toda Galicia, e transmitindo unha parte tan importante do noso patrimonio inmaterial que atesouran as persoas maiores e que el leva ás distintas xeracións.
Por outra parte baixo o título “Sigo facendo Camiño” MJ Pérez, unha das novas voces do panorama actual da música galega, achega as súas cancións de autor dos seus tres primeiros discos “Ollos que non ven, síntoma de cegueira”, “Guerrilleira” e “Casandra”, nos que mestura diversos estilos musicais co predominio do rock-pop. A súa voz, chea de personalidade ten soa en máis dun centenar de concertos por toda Galicia. Foi finalista do “I Certame de Canción de Autor en Galego”, participou no Noroeste Pop Rock, e acadou o segundo posto no VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña, e acadou o primeiro posto na final do concurso Xuventude Crea 2017.
Sem comentários:
Enviar um comentário