O Anexo da Sala Municipal de Exposicións acollerá o acto de presentación dos resultados do proxecto “CADIVAFOR: Catalogación, Divulgación e Valorización das Fortalezas fronteirizas entre Galicia e o Norte de Portugal”, que conforma una exposición e material divulgativo en diversos soportes audiovisuais.
Foi iniciado este proxecto en 2006 coa recollida de toda a documentación histórica referente ás fortalezas sitas nas beiras do río Miño; toda a información seleccionada foi tratada segundo os criterios de catalogación establecidos pola Unesco a través do seu organismo asesor o Centro Internacional de Estudios de Fortificaciones y Apoyo Logístico (CIEFAL), responsable do proxecto. Posteriormente foi elaborada unha base de datos documental dispoñible na rede e a reconstrución tridimensional das fortalezas segundo unha evolución progresiva, amosando as transformacións ocorridas ao longo do tempo que definiron as súas configuracións actuais.
Así pois como resultado deste proxecto poderase contemplar en Tui unha exposición que recolle información sobre os conxuntos fortificados de:
* Insua – Caminha – A Guarda.
* VilaNova da Cerveira – Lobelhe – Goián.
* Valença – Tui.
* Monçao -Salvaterra.
* Melgaço
Xunto á exposición estará a disposición dos visitantes unha base de datos on-line e un DVD interactivo que posibilita o coñecemento dos resultados deste proxecto que foi desenvolvido polo CIEFAL, o CIS (Centro de Innovación e Servicios de Galicia) e a Escola Superior Gallaecia de Vila Nova de Cerveira.
Para o acto de inauguración da exposición e a presentación do proxecto estará en Tui Juan Antonio Rodríguez Villasante, Director do CIEFAL-ICOMOS, que realizará para os asistentes unha achegamento ao traballo desenvolvido. Este acto dará comezo ás 20,15 horas do mércores 17 de decembro de 2008.
Para o concello de Tui a presenza desta exposición na cidade amosa o interese municipal pola difusión e posta en valor do conxunto monumental tudense. Pois Tui é o primeiro lugar de beira galega onde se amosa este traballo, logo da presentación pública realizada en Vila Nova de Cerveira o pasado 30 de abril. Para o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, resulta moi positiva a presenza desta exposición na nosa cidade pois contribuirá de modo eficaz ao coñecemento e valorización deste singular conxunto de arquitectura militar que tiña en Tui o seu principal enclave, dada a súa condición de capital provincial.
A exposición estará aberta ata o vindeiro 7 de xaneiro de 2009.
Sem comentários:
Enviar um comentário