As luces acenden ata o 6 de xaneiro
Este ano instaláronse 118 arcos confeccionados con fío luminoso de led e microlámpadas e de lámpadas flash e catro rótulos de Bo Nadal na Avenida da Concordia, na rúa Colón, na Avenida de Portugal e no Pazo de Xustiza. A isto súmase o adorno do Palco da Música e das árbores do Paseo da Corredoira así coma das situadas na Praza da Inmaculada. Amais na rúa Colón diante da Área Panorámica colocáronse renos de luz que realzan esta zona, similares aos colocados diante do Pazo de Xustiza. E por segundo ano consecutivo o aberto que está ao comezo da Avenida da Concordia está iluminado con máis de 200 estrelas de microlámpadas.
A iluminación navideña vén acompañada amais de ambientación musical nas rúas, o que contribúe a ambientar estas datas.
O Concello de Tui é quen leva a cabo este alumeado de Nadal, asumindo os custes tanto da ornamentación coma do consumo, cun investimento que supera os 46 mil euros. Foi adxudicada á empresa Electromiño. Deste xeito fai unha aposta clara pola ambientación navideña que serva de reclamo á cidade tanto para os propios tudense coma para os posibles visitantes e que se converte así nun atractivo máis para a cidade e para o comercio local.
O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, salienta que un ano máis Tui é unha das cidades mellor iluminadas de Galicia, pondo de relevo que agarda que este investimento redunde en beneficio da sociedade tudense e do comercio en particular. Quere aproveitar amais para felicitar á empresa instaladora polo traballo realizado que contribuirá a realzar aínda máis a Cabalgata de Reis.
Sem comentários:
Enviar um comentário