Este domingo, 26 de abril, o Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui acollerá un acto institucional conmemorativo do “30 aniversario de concellos democráticos”; no decurso do mesmo todos os concelleiros elixidos polos tudenses ao longo destas tres décadas recibirán unha placa conmemorativa como testemuña desta homenaxe.
Este acto celébrase para dar cumprimento ao acordo unánime do Pleno da Corporación Municipal, que a proposta do Grupo Municipal Socialista, ten por obxecto homenaxear aos membros da primeira corporación municipal democrática elixida o 3 de abril de 1979, e constituída o 19 de abril. Dada a coincidencia desta data coa celebración das festas patronais acordouse que a celebración tivese lugar o domingo 26 de abril.
“O espírito de concordia, sinálase na moción aprobada, que forzou a nosa transición á democracia, o desexo de reconciliación e a vontade de convivir pacificamente, fixeron do noso pais un exemplo en todo o mundo de confianza no diálogo, de tolerancia, de respecto e de busca de entendemento mutuo. Estes valores seguen sendo hoxe os principios máis valiosos para afrontar o futuro con determinación e serenidade.
Por esta razón, queremos (...) vivir estas datas (de aniversario) como unha oportunidade para renovar o noso compromiso coa Municipalidade e para reivindicar a necesidade de seguir defendendo e fortalecendo os valores democrático”.
Con este acto institucional o Concello, como expresión democrática dos cidadáns de Tui, quere expresar o seu recoñecemento aos concelleiros que ao longo destas tres décadas teñen traballado a prol do desenvolvemento do municipio e teñen realizado un positivo exercicio de vida democrática no propio Concello.
Son un total de 83 concelleiros os que están convidados a participar neste acto (ou no seu defecto algún dos seus herdeiros) e que teñen formado parte das sete corporacións municipais elixidas nestas tres décadas.
Será un acto sinxelo que constará dun discurso do Alcalde de Tui, falando en representación dos concelleiros homenaxeados José Luis Gómez Núñez, integrante da primeira Corporación democrática de 1979 e posteriormente Alcalde de Tui e medalla de ouro da cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário