terça-feira, 28 de abril de 2009

Tui celebra do 1 ao 3 de maio a súa XIII Feira de Artesanía

Na rúa Ordóñez instalaranse 40 postos que abrirán de 12 a 22h
A rúa Ordóñez de Tui vai acoller dende este venres e ate o domingo a XIII Feira de Artesanía organizada pola Concellería de Cultura de Tui coa colaboración da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño.

Dende ás 12 do mediodía e até ás dez da noite, nestes tres días poderanse visitar os corenta postos de artesáns tanto galegos, coma de Portugal ou mesmo de Puebla de Sanabria que amosarán na cidade as súas creacións en téxtil, madeira, coiro, cerámica, cestería, instrumentos musicais... Moitos deles estarán traballando en vivo ante o público, que poderá adquirir nos postos as pezas en exposición.
A feira foi presentada esta mañá polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e polo Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, xunto a cinco artesáns tudenses que acudirán á feira.
O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez explicou na súa intervención que a feira este ano, ao ser o día 1 venres festivo, ten lugar un día máis. Apuntaba amais que se trata dun evento consolidado que esperta gran interese, nese senso indicaba que “é unha aposta máis de plasmar a artesanía dos distintos pobos”. Engadía que “a clave é conseguir que veña xente a Tui e dinamizar tamén o comercio local”.
Pola súa parte o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, explicou que ampliar o número de postos que están presentes na feira repercutiría negativamente na súa continuidade xa que os artesáns venderían menos e non lles compensaría vir, do mesmo xeito que ampliar o seu espazo ao conxunto histórico conlevaría para o concello incrementar o orzamento que dedica a esta actividade. Subliñaba amais que do mesmo xeito que o pregón das Festas de San Telmo o le un tudense tamén a inauguración da Feira a fará un artesáns tudense. Abondaba tamén que en momento de crise, coma os actuais, a artesanía ten máis saída porque ao non haber intermediarios os prezos non se disparan, e o produto elaborado manualmente gaña valor.
Os artesáns tudenses presentes na rolda de prensa explicaron as creacións que van achegar esta fin de semana. Cristina, xunto a dúas compañeiras, presentará complementos coma collares, diademas, broches de pelo... elaborados con fieltro, ganchillo ou bordado. Paco é un xubilidado que atopou na cestería un bo entretemento para pasar o tempo elaborando paragueiros, paneiras, cestas, xarróns... Emilia Rosende presentará flores, casas,...e motivos de aldea en cerámica. Isabel Huerga traballa a seda en panos, corbatas, fulares, pendentes, pero tamén realiza tapices en alto lizo. Por último Mari, a Presidenta da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, explicaba o traballo que realizan en fermosas e laboriosas pezas.
A rúa Ordóñez contará con decoración con estandartes e pendóns, ao igual que anteriores edicións, e non faltará a ambientación musical. Amais está prevista a actuación de grupos folclóricos tudenses cada día ás 12 e ás 18h. Serán “Xuntanza” de Randufe, “Santa Columba” de Ribadelouro, “San Fins” de Rebordáns, “Seixos Albos” de Areas, “Inquedanzas” de Pazos de Reis, e “O Mosteiro” de Pexegueiro.
XIII Feira de Artesanía
Data e hora: rúa Ordóñez do 1 ao 3 de maio de 12 a 22h
40 postos de artesanía
Actividades:
Venres
Ás 12h Grupo folclórico “Xuntanza” de Randufe
Ás 18h Grupo folclórico “Santa Columba” de Ribadelouro
Sábado
Ás 12h Grupo folclórico “San Fins” de Rebordáns
Ás 18h Grupo folclórico “Seixos Albos” de Areas
Domingo
Ás 12h Grupo folclórico “Inquedanzas” de Pazos de Reis
Ás 18h Grupo folclórico “O Mosteiro” de Pexegueiro
Organiza: Concellería de Cultura
Colabora: Asociación de Palilleiras do Baixo Miño

Sem comentários:

Enviar um comentário