Inscribíronse 15 comparsas de Tui, Salceda, A Cañiza, O Porriño, Mos, Arcade, Tomiño, Nigrán e Gondomar
Máis de 1.100 persoas pertencentes a 15 comparsas participarán o próximo luns, 12 de febreiro, no desfile concurso de Entroido en Tui nunha data na que é festivo local na cidade. Das quince comparsas inscritas 3 son de fantasía, 8 participan sen acompañamento musical, e 4 teñen música en directo. Catro das agrupación participantes son de Tui, outras catro de Salceda, unha da Cañiza, unha do Porriño, unha de Mos, unha de Arcade, unha de Tomiño, unha de Nigrán e unha de Gondomar.En total sumarán un total de 20 carrozas participantes.
Na temática que presentarán o próximo luns está dende a parodia de temas locais, a películas, alta costura, caníbales, a Polinesia, o mundo da arte, a bruxería ou o pavo real.
O desfile comezará ás 17.30h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. As comparsas deberán realizar as súas representacións ao longo de todo o percorrido non permitíndose as paradas en ningún punto. O xurado, formado por seis membros de asociacións tudenses, catro cidadáns tudenses, e dous traballadores do concello e presidido polo concelleiro de Cultura, terá en conta na súa valoración a actualidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza para outorgar a puntuación. Repartiranse sete premios da categoría Xeral que oscilarán entre os 700€ e os 100€. As carrozas optarán a seis premios valorados entre 400€ e 150€ e o acompañamento musical terá catro premios dotados con entre 300€ e 150€. Establécese amais un único premio para as comparsas de fantasía de 250€. En total serán 6000 mil euros en premios, máis 4.750 na compensación económica por participar que recibirán as comparsas. O desfile contará coa actuación da orquestra Saúdade que amenizará a espera mentres delibera o xurado, e ao remate da entrega dos premios.
O Entroido despedirase en Tui o domingo 18 de febreiro co Enterro do Bacallau que sairá ás 19.30h dende a praza de San Fernando.
RESTRICCIÓNS NO TRÁFICO
Debido á celebración do desfile concurso de Entroido o próximo luns estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo entre ás 14 e ás 21h. Amais o tramo da rúa Ourense comprendido entre a rúa Lugo e rúa Compostela estará pechado e non se poderá estacionar dende ás 10h da mañá do luns 12 até ás 2 da madrugada o martes 13. Tamén estará prohibido aparcar no tramo da rúa Ourense entre as rúas Compostela e Maristas.
Sem comentários:
Enviar um comentário