ESTA MAÑÁ PRESENTOUSE A PROGRAMACIÓN A DESENVOLVER NOS MESES DE XULLO E AGOSTO
A oferta estival do Concello de Tui para os meses de xullo e agosto recolle musica, historia, cinema e deporte baixo o lema de “Verán na rúa”. Esta programación cultural en Tui pivota sobre tres grandes eventos que se van celebrar na cidade. Son o IKFEM, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla, a Festa do Miño, e o Festival da Cultura Arraiana, Arraianos. Recolle tamén o ciclo “Cinema de Verán”, a IV Aula Internacional de Saxofón e a Noite Internacional do Miño A programación que comeza este venres, 12 de xullo, e se prolongará até o 1 de setembro foi presentada esta mañá na casa do concello.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que precisamente esta programación cultural reflicte as potencialidades e singulariedades que ten o municipio. Así a Festa do Miño, á que dicía hai que darlle maior transcendencia no futuro, é un exemplo das potencialidades naturais de Tui, Arraianos recolle a riqueza patrimonial, o IKFEM o carácter transfronteirizo da cidade, a Noite Internacional do Miño plasma a boa saúde do movemento asociativo, e a Aula Internacional de Saxofón da visibilidade á potencialidade académica a través do Conservatorio de Música. Afirmaba o rexedor que esta programación vai ser un reclamo máis para visitar Tui este verán.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, explicou o cambio de formato na presentación da programación que por cuestións económicas non se recolle nun novo número da Axenda Corredoira Cultura, xa que indicaba que a partida de Cultura está completamente esgotada e superada. Por este motivo, en formato calendario reflíctese baixo o lema “Verán na rúa” a programación para o mes de xullo e o de agosto, e comezarán a planificar a programación de desenvolver nos últimos meses do ano. Destacaba amais a concelleira os eixos centrais desta programación co IKFEM, a Festa do Miño e o Festival Arraianos. Avanzaba a intención de dar maior pulo a Aula Internacional de Saxofón, froito do investimento público realizado no conservatorio tudense, tamén agradecía o labor do Kaiak Tudense e das asociacións culturais na Festa do Miño, un evento que considera se debe potenciar. Ao tempo aludiu á consolidación da Noite Internacional do Miño, e da proposta para público familiar co cinema na rúa.
O público familiar poderá gozar da proxección de catro películas no ciclo “Cinema de Verán” na praza de San Fernando. A primeira hoxe venres, 12 de xullo, ás 22.30 h será “Como entrenar a tu dragón 3”. Mentres para o mércores, 24 de xullo, ás 22.15 h está programada “El regreso de Mary Poppins”. Xa en agosto a primeira cita será o venres, 2 de agosto, ás 22.15 h coa proxección de “Small foot”, e o mércores 14 ás 22.00 h a película que pechará o ciclo será “Teen Titans Go”.
Este domingo, 14 de xullo, comeza a IV Aula Internacional de Saxofón, que contará cunha véntena de alumnos nas masterclasses previstas a cargo dos profesores Xosé Luis Miguélez, gañador dos premios Martín Codax ao mellor disco de jazz; Rafael Yebra, profesor catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo, e Kyle Horch, profesor catedrático do Royal College de Londres, que ofrecerá en Tui a súa primeira masterclass en España. De forma paralela celebraranse catro concertos. O domingo 14, ás 20.30 h, na igrexa de San Domingos o primeiro concerto correrá a cargo de Multiplensemble cun programa para saxofón, percursión e electrónica. O luns 15, ás 20.30 h, na praza de San Fernando actuará Xacobe Martínez Antelo trío. Mentres o martes 16, ás 21 h, na Igrexa de San Domingos Kyle Horch e Rafael Yebra presentarán un programa de música contemporánea. Sobre este concerto Jorge Vicente, coordinador da Aula Internacional, explicou amais que ao igual que nos últimos anos tamén nesta ocasión van realizar a estrea absoluta dunha obra do compositor galego Xesús Xosé Iglesias González neste concerto do martes. Clausurará os concertos Sax Inflexión o mércores 17, ás 20.30 h, no palco da música no Cantón de Diómedes, no Paseo da Corredoira.
Co lema “Music&Fashion” vaise celebrar do 14 ao 21 de xulllo a sétima edición do IKFEM, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade Tui-Valença. Un festival que celebrará 22 eventos en 14 espazos como o Paseo Fluvial, o Teatro Municipal, o Centro Interfederado de Remo e Piragüismo, o Seminario Menor, a Catedral, en Tui, e en distintos espazos na Fortaleza de Valença, como explicaba a directora do IKFEM, Andrea González. Amais este ano por vez primeira amplía o seu territorio cos “Concertos no Miño” que comezan este domingo en Tomiño e Cerveira. Destaca amais pola singulariedade o desfile de moda de Agatha Ruíz de la Prada e Katty Xiomara na vella Ponte Internacional o próximo venres 19. Omiri, Pedro Moutinho, O Fiadeiro, La Ritirata, serán algúns dos nomes propios que actuarán no festival, onde se estreará a Orquestra IKFEM. A programación completa pode consultarse en www.ikfem.com.
O parque do Laxal en Rebordáns será o escenario da XX Noite Internacional do Miño¸ un evento organizado pola Escola de Baile e Música San Fins de Rebordáns que cada ano presenta o folclore máis internacional con grupos de distintos continentes. Dende ás 21.30 h actuarán o Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bisau, Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia e Compañía Nacional de Danza Folclórica de México.
O sábado 10 de agosto ao longo de toda a xornada celebrarase a IX Festa do Miño que aúna deporte, lecer, gastronomía e música en distintos emprazamentos dende a ribeira de Caldelas, o río Miño, a rúa Olímpicos Tudenses, e a rúa Compostela. O programa previsto comezará coa Romaría Popular na ribeira de Caldelas, onde ás 16 h sairá o Descenso Popular do Miño para o que está xa aberto o prazo de inscrición na web www.kayaktudense.org. Salvaterra acollerá a saída do Descenso Internacional do Miño que rematará fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses. Xa dende ás 20 h a cita estará na rúa Compostela coa Festa Gastronómica e o concerto de Fillos do Estramonio. Cómpre lembrar que dende o ano pasado este evento é Festa de Interese Turístico Galego.
A programación do verán pecharase do venres 30 de agosto ao domingo 1 de setembro coa celebración da IV Festival da Cultura Arraiana, Arraianos. O conxunto histórico será o escenario dunha proposta histórica marcada este ano na época viquinga como explicaba a súa directora Andrea Costa. Un marco temporal que marcará sobre todo a actividade prevista para o domingo. Tamén avanzou que este ano se recuperan no paseo fluvial os Torneos Medievais.
Sem comentários:
Enviar um comentário