A ACTIVIDADE, DIRIXIDA A CATIVOS E CATIVAS DE 3 A 9 ANOS, CELEBRARASE ÁS 12 H NA SALA FÉLIX RODRÍGUEZ
Os Bolechas, os populares personaxes creados por Pepe Carreiro, estarán este sábado, 13 de xullo, ás 12 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica con “Somos unha gran familia”. Trátase dunha actividade participativa dirixida a nenos e nenas de 3 a 9 anos e as súas familias. Chegan dentro do programa FalaRedes que promove a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, coa coordinación neste caso da Biblioteca Pública Municipal de Tui.
Da man de Sonia, Pili, Loli, Carlos, Braulio e Tatá e o seu can Chispa, os asistentes coñecerán o léxico referido ás relacións de parentesco e descubrirán a importancia da familia a través do teatro e do xogo. De xeito transversal, tocarán temas como o traballo en equipo, a colaboración, o fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas. A actividade ten unha duración aproximada de 50 minutos.
Esta actividade dos Bolechas está reflectida nun apartado específico da súa web onde os interesados poden acceder a xoges e unidades didácticas, así como a un sorteo de libros dos Bolechas.
Sem comentários:
Enviar um comentário