OS GRUPOS E COMPARSAS DEBERÁN PRESENTAR A SÚA SOLICITUDE NA SEDE ELECTRÓNICA DO CONCELLO
Dende mañá xoves, 30 de xaneiro, até o luns 3 de febreiro, ás 14 h pódese realizar a inscrición para participar no desfile concurso de Entroido en Tui. Hoxe publícanse no BOPPO, o Boletín Oficial da Provincia, as bases de participación nas que se establece un prazo de tres días hábiles para que os grupos e comparsas que desexen participar presenten a súa solicitude, xunto coa documentación requirida a través da sede electrónica https://concellotui.sedelectronica.gal/.
O desfile concurso de Entroido en Tui celebrarase o martes, 25 de febreiro, ás 17 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.
Limítase a participación ás 20 primeiras comparsas inscritas e aos 5 primeiros grupos, coa salvidade de que nunca unha comparsa ou grupo de Tui quedarán fóra de concurso.
En caso de choiva o desfile concurso será aprazado para o sábado 29 de febreiro, tamén ás 17 h. Só nese caso abrirase un novo prazo de inscrición para aquelas entidades que non se inscribiran con anterioridade e desexen participar nesta nova data. A inscrición formalizarase só 26 de febreiro a través da sede electrónica.
O xurado, formado por 6 membros de asociacións tudenses, 4 cidadáns tudense, e 2 traballadores municipais, e presidido pola concelleira de Cultura, terá en conta na súa valoración o número de participantes, a actualidade da temática elixida, a parodia de temas locais, o vestiario, o acompañamento musical e a carroza, así coma o vestiario e a coreografía das que opten ao premio de fantasía.
No desfile concurso de Entroido 2020 establécense 18 premios, valorados en conxunto en 5.600 €, distribuídos en catro categorías: xeral, carroza, acompañamento musical e fantasía. Entregaranse 18 trofeos valorados en 400 €. Amais pola súa participación as comparsas recibirán 500 € se desfilan con carroza e 250 € se desfilan sen carroza, e os grupos 200 € e 100 € respectivamente.
Coma despedida do Entroido o domingo, 1 de marzo, ás 19:30 horas celebrarase o Enterro do Bacallau. Sairá dende a Praza de San Fernando, para percorrer as rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, con parada no Cantón de Diómedes para realizar o funeral e ler ou cantar as coplas ao finado Bacallau. As comparsas e os grupos que así o desexen poderán entregar unha copia das coplas, o mércores 26 de febreiro, a través da sede electrónica do Concello de Tui. A comitiva continuará polas rúas Augusto González Besada, Ourense e aparcadoiro municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración.
Sem comentários:
Enviar um comentário