A GARDA CIVIL FARASE CARGO DA SEGURIDADE POLAS NOITES NA CIDADE. ASÍ O APROBOU HOXE A XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE
Esta mañá reuniuse a Xunta Local de Seguridade na casa do concello de Tui presidida polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Asistiron representantes da Policía Local, Garda Civil e Policía Nacional.
Nesta Xunta Local de Seguridade aprobouse que a Policía Local de Tui deixará de prestar o servizo de noite dende o 1 de febreiro salvo os sábados, debido a falla de efectivos. Será unha medida provisional e transitoria mentres non se conte co número de axentes precisos para cubrir as tres quendas coma até o de agora. Durante este tempo o servizo de noite será cuberto pola Garda Civil.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, precisaba que se trata “dunha cuestión puntual e conxuntural” agardando que non dure máis de 2 meses, toda vez que trasladaron xa á Academia Galega de Seguridade a autorización para convocar 8 prazas de auxiliares de policía local para cubrir as vacantes existentes, e na Oferta de Emprego Público deste ano incluiranse estas vacantes para a súa cobertura definitiva.
A subdelegada do goberno, Maica Larriba, explicou que a supresión a quenda de noite na policía local de Tui, salvo os sábados, é unha medida que se toma para abordar unha situación transitoria pola que atravesa o corpo ante a falla de efectivos por baixas ou xubilacións.
No remate da Xunta Local de Seguridade a subdelegada do goberno deu a coñecer tamén os datos referidos a 2019 afirmando que “Tui é unha cidade segura” xa que se rexistraron 21 delitos por cada mil habitantes, cifra que está por baixo da media provincial situada en 23 delitos por cada mil habitantes e da nacional que acada as 43 infraccións delitivas por cada mil habitantes. Todo iso, dicía, pese a que se rexistraron en Tui en 2019 oito infraccións máis que en 2018.
Sem comentários:
Enviar um comentário