domingo, 22 de abril de 2018

O Concello de Tui conmemora o Día do Libro apoiando a liberación de exemplares

A concellería de Cultura e Patrimonio promove a actividade de BookCrossing no conxunto histórico da cidade
O Concello de Tui, a través da concellería de Cultura de Patrimonio, está a promover unha liberación de libros no conxunto histórico da cidade con motivo da celebración, o próximo luns 23 de abril, do Día do Libro.  
O obxectivo é promover a lectura e incentivar a participación activa da veciñanza na cultura, así como poñer o foco de atención no patrimonio da cidade. Neste senso cabe destacar que a concellería de Cultura e Patrimonio pretende que sexa unha actividade enmarcada tamén no Día Internacional dos Monumentos e Sitios, celebrado onte, e que teña o Ano Europeo do Patrimonio 2018 como marco xeral.
Con esta proposta anímase aos tudenses a liberar libros nos lugares públicos máis emblemáticos da cidade a través da iniciativa BookCrossing, un proxecto que comezou en 2001 nos Estados Unidos e que xa se ten convertido nun fenómeno global para compartir con outras persoas as sensacións vividas durante a lectura. BookCrossing permite seguir a viaxe dos libros, que son rexistrados previamente na páxina web www.bookcrossing-spain.com, de xeito que se pode facer un rastrexo dos desprazamentos de cada texto.
Dende o Concello de Tui animan á cidadanía a comezar a liberación de libros dende xa e durante toda a fin de semana, aínda que a proposta pode ter despois un longo percorrido no tempo coa participación activa de tudenses e visitantes.

Sem comentários:

Enviar um comentário