Tui acollerá do 26 de abril ao 1 de maio a décimo cuarta edición de Play-Doc, o festival internacional de documentais de Tui. Unha cita referente a nivel internacional no mundo do audiovisual que ofertará unha ampla programación que terá a súa sede central no Teatro Municipal da Área Panorámica. O festival foi presentado oficialmente esta mañá polo alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, xunto ao director da AGADIC, Jacobo Sutil; o deputado de Cultura, Xosé Leal; a responsable da programación de cinema galego, Beli Martínez, e o codirector do festival, Ángel Sánchez.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, sinalou na súa intervención que Play Doc contribuír a pór Tui no mapa, ao tempo que destacou o feito de que sexa o cuarto alcalde de Tui, nestes catorce anos, que acode a presentación do festival, o que demostra a continuidade a aposta do Concello de Tui por este evento. Aproveitou para felicitar á organización pola iniciativa e pola capacidade de manter a continuidade do mesmo, ao tempo que reivindicou unha lei de mecenado cultural. Concluíu afirmando que Play Doc é un dos eventos culturais destacados do amplo calendario tudense.
Jacobo Sutil, director da AGADIC, salientou que Play Doc é un evento moi especializado, feito con moito rigor e co obxectivo de difusión co gran público, destacando amais o seu compromiso co audiovisual galego e quen de xerar a complicidade do público máis próximo. Mentres Xosé Leal, deputado de Cultura, referiuse a posta en relevancia do papel da muller co seminario da crítica feminista, que realiza Play Doc nesta edición. Pero tamén indicou que festivais coma Play Doc, con apego á cidadanía que dende o comezo, xeran a especialización do público, demostrando que dende a periferia tamén se fan produtos de calidade.
Ángel Sánchez, codirector de Play-Doc, na súa intervención referiuse a que esta décimo cuarta edición é unha das máis ambiciosas e custosas do festival, cunha selección exclusiva chea de estreas internacionais. Este feito, dicía, reflicte o nome que o festival ten e que fai que sexa o lugar elixido por diversas producións para estrearse en España. Como exemplo puña as cinco estreas que haberá na sección oficial o que significa que os realizadores entenden que Play Doc é a sede esencial.
Lembrou os grandes nomes que estarán no Play Doc coma Peter Emanuel Goldmon, Aloysio Raulino e Ozualdo Candeias, que centrarán as retrospectivas deste 2018. Sen esquecer o ciclo (Anti)heroínas, ou o cinema galego.
O festival fai tamén unha aposta polo cinema doméstico que estará presente tanto na inauguración coma no HOME MOVIE DAY o martes día 1 entre outras sesións, recompilado material rodado por veciños de Tui nos anos 60 e 70.
Beli Martínez, responsable da programación do audiovisual galego, destacou que se proxectarán tres longametraxes – “Alberto García - Alix. La línea de la Sombra” de Nicolás Combarro; “Trinta Lumes” de Diana Toucedo e “Os fillos da vide” de Ana Domínguez- e sete curtas - “M.” de Ángel Santos; “O salvaxe leva o seu tempo” de Oliver Laxe; “Salitre nas veas” e “Caerán Lóstregos do ceo” de Adrián Canoura; “Nueva Galicia” de Iván Nespereira; “Algunhas nubes flotan lonxanas” de Gonzalo E. Veloso e “O fareiro de Sálvora” de Gloria Vilches, con presenza diaria na programación. Amais Oliver Laxe, Lois Patiño e Eloy Enciso amosarán no Play Doc os proxectos nos que están a traballar.
Toda a programación pode consultarse na web do festival en www.play-doc.com
Sem comentários:
Enviar um comentário