Preto de 800 escolares e os seus profesores asisten entre hoxe e mañá no Teatro Municipal de Tui á representación de “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” por parte do Centro Dramático Galego.
Esta mañá tivo lugar a primeira das representación á que acudiron 398 alumnos de Primaria e 40 profesores do CEIP nº1, do CEIP de Pazos de Reis e do CEIP de Guillarei. Mañá ás 11h a función será para os alumnos do Colexio Maristas, do CEIP de Rebordáns, do CEIP de Randufe.
O CGD abordou, dez anos despois, de novo a montaxe desta obra de Carlos Casares cun elenco formado por Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman, Fran Lareu e a tudense Laura Villaverde, que forman parte dunha nova xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia. Todos eles foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos. Baixo a dirección de José Caldas dan vida aos personaxes disparatados desta historia chea de colorido e fantasía.
Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan descubrir máis matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa– reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.
‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van, o seu autor afirmaba que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”.
Sem comentários:
Enviar um comentário