A historia de Tui posúe na súa alongada traxectoria algunhas datas especialmente significativas e que conforman os principais fitos da nosa andaina colectiva que cómpre lembrar e sinalar no noso calendario.
O ano 1170 é unha desas datas. Nos principios daquel ano o rei de Galicia e León, Fernando II, concede á cidade de Tui unha carta foral e establece o seu “traslado” da súa poboación dende as chairas de Santa Eufemia e San Bartolomeu ata o alto do outeiro onde xa se asentaba a cidade, que amplia e ordena amurallar. Certamente podemos afirmar que esta data de 1170 é un dos momentos fundantes da cidade de Tui, da súa configuración que chega ata os nosos días.
En datas futuras analizaremos polo miudo, dende este blogue, o contido dese momento histórico, da súa relevancia e significación. Apuntaremos hoxe varias notas que sirvan de contextualización e introdución aos acontecemento que vive Tui naquel 1170.
Cabe lembrar que na Alta Idade Media o territorio tudense tiña sido asolado especialmente polas incursións de viquingos e normandos e, en menor medida, polas “razzias” musulmanas. A medida que, primeiro, o reino de Asturias e, logo, a monarquía leonesa logra a súa consolidación as terras de Tui iniciarán, en base ao que coñecemos pola documentación conservada, unha época de progresivo desenvolvemento.
Aqueles feitos bélicos tiñan arruinado a cidade e o rei Afonso V de León, en 1025, á vista da situación decide agregar a diocese tudense á de Santiago. Unha integración que perdura ata o ano 1069 en que os reis de Galicia, Don García e a infanta Urraca, nomean a Xurxo como bispo, restaurando así a sede tudense, cun territorio que abrangue dende o río Limia ata a ría de Vigo e o río Verdugo e dende as terras de Montes ata a ribeira esquerda do río Avia.
A progresiva singularización do condado de Portucale, que acabará por constituírse como reino, coloca a Tui como o centro da acción política das dúas monarquias, que tentan incorporar a cidade e o seu territorio; así podemos comprobalo nas sucesivas concesións ao bispo do couto (ou territorio da súa xurisdicción) ou nas numerosas doazóns territoriais que recibe, nun intento de ambas por acada a súa fidelidade.
O proceso de independencia de Portugal implica sucesivos enfrontamentos entre o rei de León e os monarcas portugueses que teñen a Tui e o seu territorio como un dos seus principais obxectivos. Estes episodios bélicos se inician no ano 1121 en que a raíña Urraca, co apoio do arcebispo compostelá Diego Xelmírez, expulsa á raíña portuguesa Tereixa do territorio tudense. Esta de novo conquista Tui en torno a 1124 concedéndolle importantes doazóns ao bispo. A chamada paz de Tui, do ano 1137, restitúe os danos causados polas liortas entre Alfonso VII e Afonso Henriques, o primeiro de Portugal, de anos anteriores e establece un precario equilibrio axiña alterado.
Posteriormente en 1142 Afonso VII ratifica as anteriores doazóns á sede tudense á que lle entrega certas prerrogativas que, para moitos historiadores, son a primeira carta foral ou foro de Tui: consagra a autoridade do bispo e outorga privilexios aos comerciantes tudenses. Amais entrégalle ao bispo a torre defensiva situada preto do campanario catedralicio.
Os conflitos retornan en 1166 cando Afonso I de Portugal toma o territorio entre Tui e Pontevedra, continuando no seu poder ata que é derrotado e apresado por Fernando II en Badaxoz en 1169. En febreiro de 1170 chega a Tui Fernando II para rematar co dominio portugués.
Fernando II dalle continuidade en Tui a súa estratexia de reforzar a seguridade do territorio fronteirizo, como fixera anteriormente en Ciudad Rodrigo, en 1161, e outras localidades. O reto era arriscado e de case imposible compatibilidade.
A política de Fernando II combina tres estratexias, ás veces aparentemente contraditorias: fortalecemento da estrutura da Igrexa, apoio na nobreza e fortalecemento da vida urbana, sen esquecer unha forte aposta pola acción militar na fronteira. Todo nun contexto de favorable coxuntura económica.
No caso tudense, o documento de marzo de 1170 ao que nos referimos neste post, abre outra cuestión de grande interese. Aínda que diversos autores discuten este documento, no mesmo recóllese por vez primeira a presenza da “Curia rexia” aconsellando ao monarca, ou sexa podemos documentar a existencia dun primeiro esbozo de parlamentarismo, de presenza da burguesía na xestión do reino.
Fernando II no caso de Tui, como tamén fixo en Noia, Baiona ou Salvaterra, pretende organizar o asentamento poboacional creando novos núcleos ou reordenando, case ex-novo, os xa existentes como é o caso tudense. Este apoio á vida urbana é tamén un intento de reforzar o papel da Coroa. Tanto Fernando II como Afonso VIII concederon numerosas cartas forais, pero esto non cubría as aspiracións burguesas, que pretenden unha autonomía municipal, a depedencia directa do Concello do monarca, liberándose do señorío episcopal. Esta dinámica alongarase en toda a Idade Media. Pero ningún dos dous monarcas, como amosou Fernando II en Tui, se chegaba o caso dun conflito aberto apostaran polo mantemento do señorío aristocrático e non polo establecemento do reguengo.
Os documentos de 1170 deixan tres importantes conclusións:
a/ Fernando II, en marzo de 1170, reorganiza a poboación tudense fronte a ameaza do nacente reino portugués; determina o amurallamento da cidade ampliando o núcleo existente (o que Suso Vila denomina burgo vello que abranguía o cume do outeiro entre a Oliveira e a Catedral en construción) que se extenderá pola aba cara ao río e, por conseguinte, ordea o traslado da poboación (que aínda existía na zona de Santa Eufemia e San Bartolomeu dando continuidade ao núcleo romano da “mansio”) a este recreado núcleo onde agora se inicia a construción da muralla defensiva. Non cabe por tanto, falar de traslado da cidade dun modo absoluto como en moitas oportunidades se ten afirmado. Fernando II quere establecer unha nova época, abrir un novo tempo na cidade e mesmo quere cambiarlle o nome, “Buenaventura”, sen éxito. Pero consegue converter a Tui, dende agora, nunha praza forte na fronteira do reino de León. É pois un dos fitos na historia da cidade, cando adquire a súa configuración que ten chegado ata os nosos días.
b/ Pero a fidelidade dos cidadáns tudenses non se logra unicamente establecendo unha muralla defensiva; para fixar a poboación e que esta constrúa e manteña o sistema amurallado cómpre ofrecer un réxime económico atractivo que garanta a prosperidade. Por tanto, Fernando II concede unha carta foral aos habitantes de Tui, que xa gozaban de certos privilexios (os xa referidos de 1142) pero que agora os reforza ao substraelos da dependencia directa do Bispo e o Cabido.
c/ Pero esta decisión choca co poder episcopal que todos os monarcas anteriores, e tamén Fernando II, tiñan fortalecido con numerosas doazóns, tanto xurisdicionais coma territoriais. Os foros eran unha ameaza directa á preeminencia eclesiástica na vida económica e política da cidade e o monarca decreta en poucos días a anulación da concesión foral. Os cidadáns de Tui reaccionan cunha revolta cidadán (que posiblemente contase mesmo co apoio indirecto da Coroa, pois os seus portarios na cidade Martín Muñiz e Paio Martín lideran a revolta). Unha revolta que fracasa pois Fernando II, en abril de 1170, obriga á devolución do tomado ao bispo a quen lle reafirma o seu poder sobre a cidade, anulando en boa medida a concesión foral. Pero esta revolta cidadán de 1170 terá continuidade no futuro con novos momentos de conflito entre o concello e o bispo polo señorío da cidade e marca as dinámicas da vida tudense ao longo dos séculos medievais.
Estamos pois diante dunha data de especial transcendencia na traxectoria histórica de Tui, un momento que determina o curso da evolución futura da nosa cidade e dos seus habitantes.
En menos de dous anos celebraremos pois o 850 aniversario deste fito histórico protagonizado polos cidadáns tudenses xunto co rei Fernando II e o bispo da cidade. Aquel momento foi unha das grandes oportunidades da nosa poboación e sentou as bases, coas limitacións que queramos, para o seu desenvolvemento ao longo dos séculos medievais que só se truncará xa nos séculos XIV e XV, séculos de crises e violencia...
A nosa cidade precisa conmemorar este aniversario, pois o xeito como unha cidade lembra a súa historia – coas súas luces e sombras, coas súas grandezas e miserias- reflcite como se percibe a si mesma e, moi especialmente, como quere ser, que proxecto común quere construír.
Na actualidade tamén nos atopamos nun momento histórico certamente especial como naquel 1170 cando Fernando II á vista da problemática na que vivía á cidade tudense realiza unha aposta amplia a prol do seu desenvolvemento. Hoxe tamén Tui vive nunha coxuntura histórica en que precisa unha nova definición, abrir unha nova etapa para asentar as bases do seu progreso e evolución, ofrecer un proxecto colectivo amplo, como o que incentivou –cos seus atrancos- Fernando II e asumiu á cidadania tudense, para abrir unha nova xeira na historia da nosa cidade abrindoa a novas expectativas, pensando con realismo, pero con ambición.
Resulta imprescindible unha reflexión en torno á nosa cidade para definir un proxecto colectivo, para xerar unha nova época que defina uns puntos mínimos dende os que basear unhas políticas cidadáns que recuperen o pulso da nosa cidade, que revitalicen o noso acervo patrimonial e social, que posibiliten, como fixo Fernando II e os tudenses daquela época, o incio dunha nova andaina da nosa cidade e as súas xentes.
A celebración no ano 2020 deste 850 aniversario é unha oportunidade excepcional para abrir esta reflexión colectiva. Cómpre iniciar axiña un traballo de preparación desta efemérede que posicione a “marca” Tui fronte aos seus proprios cidadáns e fronte ao exterior. A celebración deste aniversario non pode ser unicamente unha rememoración que añore o pasado (cómpre rachar co bucle meláncolico en que vive a nosa cidade) senón unha afirmación das capacidade de Tui e as súas xentes para reposicionarse, para repensármonos como cidade.
in Tudensia
Sem comentários:
Enviar um comentário