No Monte Aloia realizarase a última das catro probas de media distancia
Tui será sede da última proba do V Open de Andainas 25 quilómetros, organizado polo Club Xistra de Vigo, en colaboración co Concello de Tui e a Entidade Menor de Pazos de Reis.
O domingo, 11 de novembro, ás 09.00 horas, dende o pavillón deportivo da Macoca, sairá esta cuarta e última proba, que resolverá os campións deste V Open de Andainas de Regularidade de 25 Kms, tras as realizadas en Guláns, Taragoña (Barbanza) e Ponteareas.
A recollida dos dorsais será entre as 08.00 e 08.45 horas, sendo a reunión técnica ás 08.45 horas e a saída ás 09.00 horas.
O prezo da inscrición será de 12€ para participantes non federados e 9€ para federados. Poderán participar deportistas con 14 ou máis anos, pero os menores de 18 deberán ir sempre acompañados en todo momento polos seus titores, sendo estes os únicos responsables dos menores.
O trazado partirá dende o Pavillón da Macoca, subindo ata o Castro do Alto dos Cubos. Baixará cara ós muíños de Tripes e logo ascenderá ata a senda botánica e o Centro de Interpretación do Parque. Pasará pola Pedra do Acordo. A última ascensión será ata a Capela de San Xulián no Monte Aloia, para descender polo Rego de Pedra e retornar ó Pavillón da Macoca.
As inscricións aínda están abertas a través da páxina web www.xistra.org
Sem comentários:
Enviar um comentário