O alcalde así o informou esta mañá aos veciños na reunión que mantivo con eles.
A incorporación dunha disposición adicional na Lei do Solo permitirá darlle encaixe legal á reconstrución das vivendas afectadas na zona cero de Paramos que estaban fóra de ordenación. Esta foi unha petición que o Concello de Tui presentou á Xunta de Galicia para garantir así que todas as vivendas existentes previa a explosión do 23 de maio se lles poderá dar licenza para a súa reconstrución.
Así llo comunicou esta mañá o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, ao veciños que acudiron á reunión que se celebrou no Centro Cultural de Guillarei. Unha comparecencia na que estivo acompañado polo xerente urbanístico da catástrofe Rubén Vázquez.
Segundo o exposto polo rexedor esta disposición adicional está pensada para zonas declaradas gravemente afectadas por unha emerxencia de protección civil polo Consello de Ministros. Nese senso apuntaba que “foi unha modificación lexislativa que conseguimos dende Tui, que puxo en marcha a Xunta de Galicia, que entrará en vigor o 1 de xaneiro para circunstancias excepcionais coma esta”.
Na reunión o alcalde tamén trasladou aos veciños á resposta ás cartas que enviou á ministra de Política Territorial urxindo o inicio do desentullo, na que indica que que recibirá contestación en breve. Dicía Vázquez Padín que “polo menos queda claro que son conscientes que teñen un problema sobre a mesa, un problema sen resolver en Tui”. Engadía que hai que agardar que o goberno central “se poña co desentullo a través dunha encomenda de xestión, que é a formulación xurídica que permite que en circunstancias excepcional que goberno poida adxudicar a unha empresa pública este tipo de obras”. Precisaba nese senso que unha vez que se tome a decisión política os traballos poderían comezar no prazo dun mes e executarse en tres meses. Precisaba o mandatario que o desentullo é moi importante, e se se acometen estes traballo “teremos o puzzle con todas pezas máis fáciles de encaixar para ver como dentro de non demasiado tempo se reestablece a normalidade na zona”.
Na reunión desta mañá o rexedor tudense tamén avanzou que acompañará aos veciños na mobilización que os veciños realizarán o sábado 17 diante da subdelegación do goberno en Pontevedra. E informou, de que pese a que non ten comunicación oficial segundo a información publicada polos medios de comunicación a fiscalía presentou denuncia contra el pola presunta inexecución da sentenza da pirotecnia de Baldráns. Un tema no que dicía “teño a conciencia absolutamente tranquila”.
Sem comentários:
Enviar um comentário