Ante o peche da Biblioteca Municipal de Tui, como medida de actuación ante a situación actual de contención da propagación dos contaxios por coronavirus, a concellería de Cultura, que dirixe Sonsoles Vicente Solla, informa dunha prórroga dos empréstito bibliotecarios. Todos os empréstito que tiñan a data de vencemento a partir do 13 de marzo quedan prorrogados ata o 30 deste mes. No caso de que a situación se alongue, procederase a adiar novamente a data de devolución. Durante este período o persoal de biblioteca atenderá as consultas dos usuarios a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal
Por outra banda, a Biblioteca Municipal de Tui lembra que as persoas dadas de alta na Biblioteca Municipal de Tui e por tanto na Rede de Bibliotecas de Galicia teñen acceso aos fondos dixitais a través da plataforma GaliciaLe. En caso de non ter credenciais dende esa mesma páxina se indica o proceso a realizar. Para calquera dúbida pode poñerse en contacto coa Biblioteca Municipal de Tui a través do correo electrónico.
Se o interesado non é socio da Bublioteca Municipal tudense poderá autorrexistrarse co formulario do OPAC de Koha.
Daráselle un prazo dun mes desde a fin da corentena para que se achegue á biblioteca para obter o carné. Estes lectores terán a categoría "Autorrexistro" e poderán acceder a GaliciaLe. Unha vez rematada a corentena, se o usuario se dirixe á biblioteca para que se lle faga o carné, asignaráselle a categoría que lle corresponda. Se non fai o carné nese prazo, o rexistro eliminarase automaticamente de Koha e o lector deixará de ter acceso a GaliciaLe.
GaliciaLe é a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura. GaliciaLe proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar.
En GaliciaLe o lector atopará dous catálogos: un que contén o “Catálogo galego” e outro que aloxa o “Catálogo en castelán”. As obras incluídas nestas dúas contornas poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderá facelo, ademais, desde un lector de libro electrónico.
Sem comentários:
Enviar um comentário