sexta-feira, 15 de maio de 2020

Letras Galegas 2020

Cada 17 de maio, dende 1963, Galicia conmemora o Día das Letras Galegas. Unha data para celebrar a nosa literatura e a nosa lingua. A Real Academia Galega elixiu o 17 de maio porque o precisamente o 17 de maio de 1863 publicábase “Cantares Galegos” de Rosalía de Castro. 
O primeiro día das nosas letras estivo dedicado precisamente a Rosalía de Castro. E Rosalía de Castro foi unha das autoras que centrou o traballo do escritor, profesor e investigador Ricardo Carballo Calero, homenaxeado este ano.
Este ano debido á pandemia da COVID-19 non se poderán realizar os tradicionais actos que habitualmente se celebraban coma a Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira. Toca reinventarse e festexar as nosas a través das redes sociais e empregando as novas tecnoloxías coma soporte. 
Dende o mércores 13 de maio as redes sociais do Concello - Facebook, Twitter e Instragram- e da Radio Municipal - Facebook e Twitter - recollen unha serie de publicacións que nos achegan á figura e obra figura do homenaxeado neste 2020, de Ricardo Carballo Calero (1910 -1 990).
Ferrolán de nacemento, a traxectoria de Carballo Calero levouno a protagonizar a historia do galeguismo do século XX. Estudou Dereito e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, e sendo mozo foi membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da histórica revista Nós. No ano 1936 participou na redacción do Estatuto de Autonomía e xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio.  Entre as súas primeiras obras atópanse os poemarios Trinitarias e La soledad confusa, escritas en castelán, e Vieiros e O silenzo axionllado, en galego. Ademais, destaca a súa novela Scórpio, baseada na súa experiencia durante a guerra e a ditadura franquista. Novela galardoada co Premio da Crítica Española de narrativa galega. Da súa autoría é tamén Historia da Literatura Galega Contemporánea e Gramática elemental del gallego común.
Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.
Na Feira do Libro que o domingo 17 de maio tiña previsto celebrar a súa vixésimo terceira edición no Paseo da Corredoira ía participar as dúas librarias tudenses: Iris e Espazo Lector Nobel. Os libros non poderán saír ás rúas, pero sí están nos seus andeis para festexar esta data. 
Tamén deixan nestas Letras Galegas 2020 a súa mensaxe tres escritoras: Conchi Regueiro, Iria Misa e Marga do Val.
Nos centros educativos o Día das Letras Galegas ten cada ano especial conmemoración, e nesta ocasión fanno tamén aínda que sexa de forma virtual. Comparten as súas propostas connosco o CRA Mestra Clara Torres, o CEIP nºº, o CEIP de Randufe, o Colexio Maristas e o IES San Paio. 
O domingo, o Día das Letras Galegas, haberá tamén nas redes sociais unha proposta lúdica con dúas sopas de letras nas que haberá que buscar algunhas das verbas máis fermosas do idioma galego. 

Sem comentários:

Enviar um comentário