Por toda a rede ferroviaria galega só de xeito extraordinario poden circular trens de mercadorías duns máximos de 550 metros de lonxitude na liña Ourense-Zamora ou 540 metros na Monforte-Ponferrada, un tamaño que é moi inferior no resto de liñas interiores. A limitación vén imposta por unhas características obsoletas das vías que condicionan a rendibilidade dese tipo de transportes e complican a incorporación de Galicia ao denominado Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías. Porén, a obra de mellora da liña entre Porto e Valença que está a executar o Goberno portugués, da que se adoita salientar o seu uso para pasaxeiros, permitirá que por ela circulen convois de ata 750 metros, o estándar ao que tende a UE, o que abre a porta a oportunidades ou ameazas das que nada están a transmitir en público as distintas administracións desta beira do Miño.
O obxectivo declarado de Portugal é “aumentar a capacidade da Linha do Minho para o triplo da atual: de 15 comboios de 300 metros por día para 20 comboios de 750 metros”. Isto é, que poidan chegar ou partir de Valença trens entre 200 e 300 metros máis longos que calquera dos que poden circular por toda Galicia. Unha mellora xa en marcha que por unha banda pon en evidencia a lentitude da mellora da lonxitude máxima permitida dos trens en Galicia malia os investimentos dos últimos anos no AVE e que por outra podería supor cambios nos fluxos de mercadorías na eurorrexión.
Infraestruturas de Portugal ten prevista a “construção de estações técnicas de Carreço e de Carvalha”, esta última a só uns oito quilómetros da fronteira de Valença
A mellora da liña entre Porto e Valença para as mercadorías, a maiores da súa electrificación e mellora dos sistemas de seguridade ou túneles, consiste fundamentalmente na ampliación de varias das estacións intermedias actuais para que nelas poidan apartarse trens de carga de ata 750 metros e non entorpecer a circulación doutros convois, elemento clave para o transporte de mercadorías. Esa actuación xa se está a realizar coa construción de dúas estacións entre Nine, ao norte do Porto, a onde hoxe xa chega a electrificación, e Viana do Castelo, e comezará en breve entre esa cidade e Valença. Nese segundo treito, de 48,7 quilómetros e no que investirá 25 millóns de euros, Infraestruturas de Portugal ten prevista a “construção de estações técnicas de Carreço e de Carvalha”, esta última a só uns oito quilómetros da fronteira de Valença, “para permitir o cruzamento de comboios de 750 metros”. O Goberno portugués admite de xeito expreso que o obxectivo desa mellora non é interno senón o aumento “do transporte ferroviário de mercadorias, designadamente, nas relações de Portugal com a região espanhola da Galiza”.
A liña Vigo-Ourense sofre reiterados afundimentos de noiros; este mesmo luns unha fochanca obrigou a interromper o tráfico ferroviario durante uns 10 días
Portugal terá así capacidade nun par de anos para mover xunto á fronteira galega trens de mercadorías co estándar de lonxitude que quere acadar a UE a menor distancia de Vigo, por exemplo, que o seu porto seco, a denominada Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), cuxas obras seguen a acumular atrasos e cuxa liña ferroviaria, a Vigo-Ourense, permite trens dun máximo ordinario de 400 metros e extraordinario de 465 metros. A liña, por outra banda, sofre reiterados afundimentos e desprendimentos de noiros; este mesmo luns unha fochanca á altura de Arbo interrompeu o tráfico ferroviario entre ambas cidades, que Adif non prevé poder retomar ata, cando menos, dentro de 10 días.
Os portos secos de Salvaterra-As Neves e Monforte aínda non están operativos tras anos de anuncios
A liña Valença-Porto superará tamén en capacidade á liña Monforte-Ponferrada, na que a lonxitude máxima básica é de 450 metros e a especial de 540 metros. Non obstante, Galicia aspira a que sexa o enlace do país co denominado Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías grazas á presenza do Porto Seco de Monforte, que tampouco acaba de arrancar.
in A Praza
Sem comentários:
Enviar um comentário