HABERÁ DOBRE PASE, ÁS 17 E ÁS 18.30 H, CUNHA CAPACIDADE LIMITADA A 100 ESPECTADORES POR FUNCIÓN
Unha proposta teatral dirixida a nenos e nenas de 0 a 4 anos é a que chega este sábado, en dobre función, ao Teatro Municipal de Tui dentro da programación cultural organizada polo Concello de Tui.
A compañía Caramuxo Teatro presenta “Zapatos” unha obra recomendada pola Rede Nacional de Teatros. Haberá dous pases, ás 17 h e ás 18.30 h, coa capacidade limitada a 100 espectadores por función.
“Zapatos” está protagonizada por Laura Sarasola e dirixida por Juan Rodríguez. Ao longo de 30 minutos achéganos á historia dos zapatos que xa ninguén usa, e que rematan nun recuncho dun agochado xardín onde son coidados por unha rapaza. "Zapatos" narra as historias que levan dentro os zapatos que xa non teñen dono.
A compañía de teatro infantil e familiar Caramuxo Teatro creouse en 2003 na Coruña, dirixida por Juan Rodríguez e Laura Sarasola. Dende os inicios mestura diferentes técnicas, teatro de actor, monicreques, danza... A compañía crea espectáculos poéticos e visuais para público familiar e conta cunha liña específica para bebés.
As entradas están á venda en www.culturatui.info até o sábado ás 12 h ou o sábado dende hora e media antes de cada función no despacho de billetes. Teñen un prezo de 3€ e 2€, este último para público infantil e para as persoas que teñan dereito a algún dos descontos establecidos.
Sem comentários:
Enviar um comentário