domingo, 23 de fevereiro de 2020

Trece comparsas participarán o próximo martes en Tui no Desfile-Concurso de Entroido

Case 900 persoas encherán de cor as rúas tudenses nesta celebración
Trece comparsas participarán o próximo martes, 25 de febreiro, festivo local en Tui, no Desfile Concurso de Entroido organizado polo Concello de Tui a través da Concellería de Cultura. 
Cinco das trece comparsas participantes son de Tui e dúas chegan dende Salceda. Tamén está inscritas agrupacións de Tomiño, Redondela, O Porriño, Nigrán, Gondomar, e Arbo.  Catro das trece comparsas rexistradas son de fantasía. 
A representación local virá man das comparsas tudenses Cantos Somos; Arume de Malvas; Lembranzas da Terra de Guillarei, Entroido de Pexegueiro e da Comisión de Festas de Nosa Señora da Guía de Randufe. 
Doutros municipios chegarán ao Entroido tudense as comparsas Borralliño de Soutelo i En Loureiro como Sempre da Picoña, ambas de Salceda; Luces de Tomiño;  Terra de Condes de Redondela; asociación cultural de Pontellas do Porriño; Parada do Miñor de Nigrán; O Millor de Cada Casa de Vincios de Gondomar e Barca de Loimil de Arbo. 
En conxunto serán 888 persoas desfilando con 18 carrozas e 59 músicos no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. 
Neste concurso repartiranse 5.600 euros e trofeos nos 18 premios establecidos en catro categorías: xeral, carroza, acompañamento musical e fantasía. As comparsas recibirán amais un total de 6.500 euros en concepto de compensación económica pola súa participación neste evento.
O xurado, formado por 6 membros de asociacións tudenses, 4 cidadáns tudense, e 2 traballadores municipais, e presidido pola concelleira de Cultura, terá en conta na súa valoración o número de participantes, a actualidade da temática elixida, a parodia de temas locais, o vestiario, o acompañamento musical e a carroza, así coma o vestiario e a coreografía das que opten ao premio de fantasía.  
Mentres o xurado delibera actuará o grupo Aramio, que continuará amenizando musicalmente a tarde tras a entrega dos premios. 
En caso de choiva o desfile aprazaríase para o sábado 29 de febreiro. O Entroido pecharase en Tui o domingo 1 de marzo co Enterro do Bacallau. 
RESTRICIÓNS NO TRÁFICO
Debido á celebración do Desfile Concurso de Entroido o martes 25 de 14 a 21 h estarán pechadas ao tráfico e ao estacionamento as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. Amais o tramo da rúa Ourense comprendido entre a rúa Maristas e a rúa Compostela estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar dende ás 10 h da mañá do martes 25 até ás 2 h da madrugada do mércores 26. 
Debido á celebración do desfile as paradas do autobús situadas na rúa Ourense o martes de 12 a 00 h realizaranse no Paseo da Corredoira. 

Sem comentários:

Enviar um comentário