Solicítase a colaboración cidadá para recuperar estas imaxes do municipio. Exporanse durante as festas de San Telmo no mes de abril
Música e deporte serán os dous temas sobre os que xirará este ano a Exposición de Fotografías Antigas que o Concello de Tui vai organizar coincidindo coa festas na honra a San Telmo do 11 ao 20 de abril.
Búscanse orixinais anteriores ao ano 1970 nas que aparezan grupos, orquestras, bandas, solistas de todo o municipio de Tui, así coma equipos, clubs, deportistas individuais, competicións ou encontros de calquera disciplina deportiva.
As persoas interesadas poden achegar as súas fotografías nas instalacións da Radio Municipal de Tui, no primeiro andar da Área Panorámica, de luns a venres en horario de 9 a 14 h. Dende o concello agradécese de antemán a colaboración da veciñanza na organización desta exposición, e ao tempo solicítase o maior número de datos de cada fotografía para poder acompañar a imaxe na exposición e no libro que se editará. As persoas que aporten as súas fotografías recibirán copia en dixital da súa aportación, xunto co orixinal tras ser escaneado.
Dende o Concello de Tui solicítase a colaboración dos veciños e veciñas de Tui para realizar esta exposición e para recuperar así este importante patrimonio de imaxes da cidade que pasarán a formar parte do Arquivo Municipal da Imaxe, AMIT. En anos anteriores grazas á xenerosa contribución dos tudenses téñense realizado xa dúas exposicións de fotografías antigas a primeira en 2016 con imaxes anteriores a 1930, e a segunda en 2017 recolléronse fotografías de empresarios, comerciantes e industriais de Tui de boa parte do século XX.
Sem comentários:
Enviar um comentário