segunda-feira, 3 de fevereiro de 2020

Máis de 138 cidades, entre elas Tui, realizarán a Alfombra Mundial en xuño de 2021 promovida polos Alfombristas do Camiño

A ORDE DO CAMIÑO DE SANTIAGO SERÁ EMBAIXADORA DO PROXECTO A NIVEL MUNDIAL
A realización dunha alfombra de flores cun mesmo deseño a nivel mundial o 24 de xuño de 2021 é o proxecto no que traballa a Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago. Ao mesmo téñense sumado xa 138 cidades, entre elas Tui.  Ser embaixadores deste proxecto é o obxectivo do convenio asinado este mediodía na casa do concello de Tui entre do presidente da comisión xestora de entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, Miguel García Correa, e do vicepresidente executivo da Orde do Camiño de Santiago, Alejandro Rubín Carballo. O acto foi presidido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e contou coa presenza de representantes das asociacións de alfombristas de Tui, Maria de los Ángeles Fernández, de Gondomar, Mercedes González, e de Bueu, Carmen Farto.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, agradeceu a ambas entidades - a Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago e a Orde do Camiño de Santiago – ter elixido Tui para asinar este convenio. Indicaba na súa intervención que “ningunha cidade mellor que Tui reflicte o sentimento sobre o espírito do Camiño de Santiago. Somos unha cidade histórica cun legado histórico único, porta de entrada do Camiño Portugués de Santiago…”. E afirmaba que nestes momentos o “Camiño de Santiago para os tudenses é unha das nosas principais sinais de identidade”.
O vicepresidente executivo da Orde do Camiño de Santiago, Alejandro Rubín Carballo, cualificou o proxecto de realización dunha alfombra mundial de “extraordinaria” apuntando que os membros da orde que representa – formada por máis de 1.200 persoas de 24 países – e os alfombristas serán embaixadores do Camiño de Santiago. Tamén agardou que o de hoxe sexa o comezo doutros proxectos que se realicen para pór en valor Tui coma porta de entrada do Camiño Portugués.
O presidente da comisión xestora de entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, Miguel García Correa, explicou que hoxe se cumpren 6 meses dende o nacemento deste proxecto ao que se teñen sumando xa 138 cidades das que 68 están en España, 22 delas en Galicia, 33 en Italia, e outras en máis de 17 países. Cada día se van incorporando novos municipios. Un proxecto que está unindo ao alfombrismo de todo o mundo dende o Camiño de Santiago, e que pon en valor tanto a vía xacobea coma o alfombrismo.
A comisión xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago tamén promove outro proxecto denominado  "Alfombras para el Camino", que consistirá na realización, de xaneiro a xuño de 2021, de alfombras en cada un dos camiños de Santiago.

Sem comentários:

Enviar um comentário