sexta-feira, 11 de junho de 2010

“BANQUETE REXIONALISTA” TUI

TUI RECUPERA O VINDEIRO 26 DE XUÑO O “BANQUETE REXIONALISTA” CELEBRADO CO GALLO DOS XOGOS FLORAIS DE GALICIA EN 1891
A vella cidade de Tui recuperará este ano, ao abeiro do programa do CXIX aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia, a celebración do “banquete rexionalista” que tivo lugar na nosa cidade o 26 de xuño de 1891 como remate daquel acontecemento cultural, que foi un fito na historia de Galicia ao ser o primeiro acto público desenvolvido integramente en lingua galega.
Grazas a unha iniciativa conxunta do Parador de Turismo “San Telmo” e a Concellería de Cultura do Concello tudense pódese recuperar este banquete “rexionalista” en homenaxe á cultura e a lingua galega que tivo lugar no Teatro Principal tudense como acto de clausura dos Xogos Florais de Galicia o 26 de xuño de 1891. Naquel banquete participaron sesenta persoas e tomaron a palabra, entre outras personalidades, Enrique Lens, o poeta tudense Díaz Spuch, Manuel Lago González, Salvador Cabeza de León, o presidente da Xunta Rexionalista de Tui, Manuel Fernández Herba, xunto con Alfredo Brañas e, finalmente, Manuel Murguía.
Desta volta o 26 de xuño ás 22,00 horas o Parador de Turismo “San Telmo” acollerá de novo este banquete en homenaxe á cultura e á lingua galega, recuperando integramente a carta daquel acto de 1891. En concreto o menú foi, e será de novo, o seguinte:
- sopa fina
- raxo con cogordos
- salmón á alicantina
- polos salteados
- langosta á rusa
- pastel de pichós
- filetes á xardineira
- helados
- pavo con cogordos
- budin con ron
- pastelón á inglesa
Todo acompañado con “viño vello da terriña”, “xerés”, “campagne” e para rematar “puros da Habana”.
As persoas interesadas en participar neste banquete, que será servido na modalidade de “buffet libre”, poden retirar o correspondente convite no Parador de Turismo de Tui a un prezo de 39,00 euros, xa persoalmente ou realizar a reserva a través do teléfono 986.600.300 ou do correo electrónico: tui@parador.es

Sem comentários:

Enviar um comentário