sexta-feira, 11 de junho de 2010

"CENTRO DE INTERPRETACIÓN, TUI PORTA DO CAMIÑO PORTUGUÉS A SANTIAGO”

A Concellería de Cultura do Concello de Tui presentou a instalación no antigo convento de San Domingos do Centro de interpretación “Tui, porta do camiño portugués a Santiago” coa finalidade de promover entre peregrinos, visitantes e os propios veciños de Tui o coñecemento da historia e do patrimonio vinculado na nosa cidade ao camiño de peregrinación a Compostela.
Neste mañá o Concelleiro de Cultura presentou aos medios de comunicación este novo equipamento promovido polo Concello de Tui para remarcar a condición da nosa cidade como a histórica porta de entrada do camiño portugués en Galicia ao abeiro da celebración do Ano Santo Compostelá.
Neste centro os visitantes poden coñecer, mediante diversos paneis informativos en varios idiomas, os diversos aspectos que, dende os inicios do fenómeno das peregrinacións xacobeas, ligaron á cidade de Tui a este camiño de Santiago. Así existe información sobre: O hospital para peregrinos, o culto xacobeo na catedral tudense, os máis egrexios peregrinos cuxo paso está documentado na cidade, e os principais enclaves do camiño portugués ao seu paso polo concello de Tui. Completa os equipamentos deste centro de interpretación unha instalación de caixas de luz que abrangue o percorrido do camiño portugués dende Valença do Minho ata Santiago de Compostela con imaxes de gran formato sobre os principais enclaves; os visitantes poden contemplar unha espectacular maqueta do conxunto histórico tudense, da autoria de José Martínez Clotet e cedido por D. Alejandro Pardo, así como unha imaxe de San Roque cos atriutos de peregrinos, e outros obxectos vinculados ao fenómeno xacobeo na nosa cidade.
Moisés Rodríguez Pérez, concelleiro de cultura de Tui, comentou no decurso desta presentación, que este Centro de Interpretación “Tui, porta do camiño portugués” é unha aposta do Concello tudense pola posta en valor do camiño de Santiago ao seu paso por Tui e pola divulgación desta ruta de peregrinación. Tui foi historicamente o lugar de Galicia onde confluían os diversos roteiros do camiño portugués, que cruzaban o Miño entre as localidades de Valença e Tui, como queda acreditado na documentación histórica conservada pois só excepcionalmente había peregrinos que non percorrían esta ruta e optaban por outras alternativas.
Hoxe compre reivindicar este carácter histórico do camiño portugués como o principal valor deste ruta xacobea, recoñecida como itinerario cultural europeo dende 1987, pois garante a autencidade deste roteiro percorrido ao longo dos séculos por numerosos peregrinos de innumerables países. É este carácter histórico do camiño portugués ao seu paso por Tui unha das principais reivindicacións do concello tudense e o principal reclamo que a nosa cidade pode ofrecer a peregrinos e visitantes.
A apertura deste centro, xunto co inmediato inicio do acondicionamento do resto do edificio como albergue provisional para este ano santo, a edición de folletos informativos en varios idiomas, a creación dun perfil en facebook que se achega xa os 2.200 siareiros, etc son algunhas das medidas abordadas dende o Concello tudense para a promoción deste camiño portugués. Amosaba o concelleiro tamén a súa satisfacción polo incremento constante que se experimenta no número de peregrinos que pasan por Tui ou inician na nosa cidade o camiño de Santiago.

Sem comentários:

Enviar um comentário